Clausurouse o curso de comercialización e internacionalización de cooperativas

O Curso de Comercialización e Internacionalización de Cooperativas que organizou o Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior para a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) co patrocinio da Xunta no marco do programa europeo COOPERA + clausurouse este xoves. O acto contou coa participación do subdirector xeral de Cooperativismo e Economía Social da Xunta de Galicia, Xoán Miguel Concheiro Abal; o director xerente de AGACA, Higinio Mougán Bouzón; e o director do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC, Miguel A. Otero Simón. O curso tratou diversos aspectos relacionados coa comercialización internacional desde a perspectiva das PEMES cooperativas. Desde as dificultades que implica a súa internacionalización á promoción dos seus produtos nos mercados internacionais, a busca de canais de comercialización de produtos agroalimentarios, o desenvolvemento de imaxe de marca internacional, a fixación de prezos e a contratación internacional e xestión do transporte internacional. Todo complementado coa análise das experiencias internacionais vividas polas cooperativas participantes. Entre o claustro de docentes estiveron o vicepresidente do Observatorio de Distribución Comercial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e presidente de MERCASA, Ignacio Cruz Roche; o consultor de marketing en Positioning Systems, Julio Cerviño Fernández; o director territorial de Comercio Exterior de Banco Sabadell, Javier Balbín Botello; a directora xeral de Eimskip Logistic Spain SA, Eva Mª Ortiz Fernández; a consultora en Proxectos Consultoría e Formación SL, Paula Tenreiro Allegue; e Marta Nuñez Matínez-Corbalán, especialista en internacionalización de AGACA.