Ir o contido principal

O CLM da USC comeza este xoves en Santiago e o luns en Lugo os test de nivel de idiomas a alumnado para o curso 2019-20

Cartaz coa programación de cursos e idiomas do CLM da USC
Cartaz coa programación de cursos e idiomas do CLM da USC
O período de matrícula permanece aberto na web do CLM da USC, onde tamén se pode consultar a oferta de cursos e idiomas programados durante o primeiro semestre
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC comezará este xoves 12 de setembro a celebración de probas ou test de nivel de idiomas a aquelas persoas interesadas en estudar unha lingua da que xa posúan coñecementos previos, pero que non teñan o nivel asignado polo CLM nin pola EOI nos últimos dous anos. As datas habilitadas para a realización destas probas, cuxo calendario está accesible na web do CLM da USC, comezarán o luns 16 no campus de Lugo.

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberta a matrícula nos cursos de idiomas que impartirá ao longo do primeiro semestre do curso 2019-20, así como nos test de nivel. A oferta formativa do CLM inclúe cursos de alemán, francés, inglés, italiano, portugués, catalán, checo, xaponés, galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira no campus de Santiago. No campus de Lugo, o CLM da USC ofrece cursos de alemán, francés, inglés, galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira. A matrícula xa está aberta para todas as persoas que queiran continuar o estudo da lingua elixida ou comezar a aprendizaxe dunha nova, segundo a normativa recollida na convocatoria e publicada na web do CLM da USC.

Unha das novidades da nova programación de cursos do CLM da USC atinxe á posibilidade de que tamén os estudantes da USC que non teñan acreditado o nivel B1 en ningún idioma estranxeiro poidan solicitar o recoñecemento de créditos ECTS por cada 25 horas de curso. Ademais, segundo a normativa vixente, canto maior sexa o grao de coñecemento da lingua e cantos máis cursos realicen, máis créditos académicos poderán acadar ata un máximo de seis, segundo indicou a directora do CLM da USC, Katerina Vlasakova, quen destacou a “relación óptima entre o prezo e a calidade das clases, así como a atención individualizada por parte do profesorado altamente cualificado”.

Probas de competencia lingüística segundo o MECR B1, B2
O CLM é tamén o centro examinador para a comunidade universitaria da USC das probas B1 e B2 de alemán, inglés francés, italiano e portugués en Santiago, e de alemán, inglés e francés, en Lugo, segundo as convocatorias dispoñibles na web do CLM.

Probas externas O CLM da USC, en calidade de centro delegado de diferentes entidades de prestixio internacional (Goethe Institut, Instituto Cervantes, Japan Foundation, Università per Stranieri di Siena e British Council entre outros), organizará durante o curso 2019-2020 máis probas externas para acreditar os niveis segundo o MECR. Estas probas están abertas tamén a persoas á USC.

As persoas interesadas en obter máis información sobre os cursos, probas e outras actividades académicas do Centro de Linguas Modernas da USC programadas para o curso 2019-2020 poden consultar a páxina web e o seu perfil de Facebook, onde se publican as novas e avisos importantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.