Clusaga impulsa novos proxectos con empresas no ámbito agraolimentario e afianza as ligazóns co Campus Terra
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) traballará a prol do impulso de novos proxectos de colaboración co Campus Terra no ámbito agroalimentario, segundo se puxo de manifesto na última reunión da súa xunta directiva, un encontro celebrado na sede universitaria luguesa, no marco do que as trece empresas e entidades representadas na directiva do órgano presidido por Juan José de la Cerda, puxeron en valor o potencial científico e tecnolóxico da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC, ao tempo que tamén se destacou o elevado nivel de satisfacción dos socios do Clusaga que reciben en prácticas alumnado do Campus Terra, sobre todo estudantes do grao en Nutrición Humana e Dietética e do Mestrado en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias.
A comisión executiva do Clúster Alimentario de Galicia, un órgano no que desde a súa creación participa a catedrática Ángeles Romero como representante da USC, aproveitou a súa primeira reunión anual de 2023 para coñecer polo miúdo as instalacións e as actividades de I+D+i que se desenvolven na APLTA. O técnico da plataforma tecnolóxica do Campus Terra da USC, Luis Aldeanueva, guiou unha visita da comitiva empresarial polas instalacións dunha das plantas piloto máis completas e modernas de Europa. A APLTA, que se estende sobre unha superficie de 2.000 metros cadrados, permite realizar ensaios a escala semiindustiral, para logo trasladados con éxito ás industrias demandantes de tales servizos.
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC responde a unha planta modular moi versátil que dispón das distintas tecnoloxías empregadas na industria láctea: pasteurización, homoxeinización, esterilización, torre de secado, separación selectiva, fermentación, envasado, queixería.... Ademais de para traballar con leite e derivados lácteos, estas tecnoloxías, precisou a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, tamén son acaídas para outros alimentos líquidos, semilíquidos e viscosos.
A innovación e a transferencia a empresas, desde micropemes ata multinacionais, representa o 60% da actividade da APLTA , que, sobre todo, desenvolve este tipo de cometido a través da prestación de servizos e asesoramento, xa mediante contratación directa xa a través de proxectos aplicados financiados por convocatorias públicas competitivas.
A metade das empresas para as que traballa a APLTA son alleas ao sector leiteiro e cada vez advírtese un interese crecente polo desenvolmento de produtos con base vexetal, explica López Mosquera, para logo apuntar os servizos analíticos (30%) e a formación especializada demandada por empresas (10%) como os outros dous eixes que completan a actividade desta plataforma tecnolóxica da sede universitaria luguesa.
Recepción institucional
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a delegada do Reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, ofreceron, a xeito de anfitrións desta xuntanza do Clúster Alimentario de Galicia unha breve recepción no edificio Cactus aos socios presentes do Clusaga.
A profesora López Mosquera relatou na súa intervención os pasos xa dados polo Campus Terra ata a súa acreditación como campus de especialización en agricultura e xestión forestal sostible, produción e saúde animal, alimentación segura e saudable, biodiversidade e infraestruturas verdes, cambio climático e novas tecnoloxías, ómicas e TICs.
A aspiración do Campus Terra da USC, que ata 2025 conta cun financiamento de 4 millóns de euros a cargo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, pasa por coliderar a transformación do sector primario galego a través da súa interación co tecido produtivo e da súa transferencia de coñecemento e tecnoloxía a socios interesados na innovación e en dar valor á ciencia.
López Mosquera puxo tamén o foco nas titulacións e nas investigacións arredor da alimentación segura e saudable que permanecen activas no Campus Terra da USC, un campus de especialización que mantén activas liñas de traballo en I+D sobre saúde e benestar do vacún de leite, novas alternativas forraxeiras, smart farming, estrutura e propiedades de alimentos funcionais, envases biodegradables, desenvolvemento de novos alimentos e de técnicas de bioloxía molecular (PCR) para control de analitos, análise sensorial ou, entre outras, marketing dixital no sector alimentario.