Ir o contido principal

CODOLGA incorpora na súa base de datos máis de 800 novos documentos en latín vinculados á Galicia medieval

Nesta nova versión foron engadidos 807 novos documentos e iso fai que na base de datos estean xa dispoñibles 19.680 textos documentais. FOTO: Santi Alvite
Nesta nova versión foron engadidos 807 novos documentos e iso fai que na base de datos estean xa dispoñibles 19.680 textos documentais. FOTO: Santi Alvite
Dirixido polo profesor Xosé Carracedo Fraga, este proxecto desenvólvese no marco dun convenio existente entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
Santiago de Compostela

O proxecto ‘Corpus Documentale Latinum Gallaeciae’ (CODOLGA) acaba de publicar unha nova versión da súa base de datos, a número 19. Este proxecto está dirixido polo profesor Xosé Carracedo Fraga do departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC, e desenvólvese no marco dun convenio existente entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A base de datos actualízase anualmente con documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia comprendida entre os séculos VI e XV. A páxina web na que está dispoñible esta documentación permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, “o que fai deste corpus textual unha ferramenta básica para a docencia e a investigación de diversa índole sobre a Galicia medieval: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica”, explica o profesor Carracedo Fraga.

Nesta nova versión foron engadidos 807 novos documentos e iso fai que na base de datos estean xa dispoñibles 19.680 textos documentais. A páxina web do proxecto CODOLGA conta ademais cun apartado titulado ‘fontes e estudos’ dedicado a recompilar outros textos latinos medievais importantes pola súa relación coa Galicia medieval ou algúns estudos singulares do ámbito do proxecto. Neste novo número, tal e como explica o profesor Carracedo Fraga, ese apartado vai enriquecido co “singular e interesante relato” de finais do século XI sobre unha viaxe fantástica titulado De Solistitionis insula magna e transmitido baixo o nome de Trezenzonio.

O proxecto CODOLGA forma ademais parte da rede colaborativa ‘Corpus Documentale Latinum Hispaniarum’ (CODOLHISP), recoñecida como de excelencia polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta rede engloba os distintos proxectos da Península Ibérica dedicados a traballar cos textos documentais medievais dos respectivos territorios e ofrece outra aplicación informática que permite consultas e buscas combinadas nos respectivos corpora documentalia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2023.