O coidado da Terra como estratexia sostible e saudable
O coidado da Terra antóllase como a estratexia máis sustentable para a conservación do planeta e a máis saudable para a súa poboación, segundo se desprende dos últimos informes emitidos pola ONU, nos que advirte de que a degradación dos solos (agroecosistemas), que afecta xa a unha cuarta parte do planeta, está detrás de crises humanitarias ou de emerxencias sanitarias como a que está a provocar na actualidade a COVID-19.
O seminario virtual sobre medio ambiente e alimentación promovido este mércores pola USC co gallo da celebración do Día da Terra e que poderá seguirse por streaming, a partir das 18.00 horas, a través da canle de Youtube do Campus Terra da USC, permitirá reflexionar sobre importancia da conservación da biodiversidade e do medio ambiente como elemento esencial para a necesaria provisión de alimentos. Este foro servirá asemade para coñecer algunhas das iniciativas educativas innovadoras impulsadas desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría no eido da restauración de solos degradados e axeitadas para a protección da biodiversidade e a produción de alimentos.
O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Agustín Merino,q que tamén é o coordinador do programa de doutoramento internacional en Ciencias Agrícolas e Medioambientais no marco do que se celebra este seminario virtual, salientou neste senso que a USC está a impulsar xunto con outras universidades europeas e iberoamercianas iniciativas para mellorar a formación académica da mocidade universitaria con novas habilidades complementarias útiles para atallar os graves problemas medioambientais existentes e mesmo para sensibilizar á poboación ao respecto.
“Somos o que comemos”, afirma Merino, que reivindica as achegas formativas, tecnolóxicas e de I+D que poden facer as universidades para corrixir problemas de degradación ambiental que, segundo a ONU, provocan a extinción diaria de especies, ao tempo que están directamente ligados con problemáticas de escaseza de alimentos e fame ou mesmo coa aparición das chamadas enfermidades zootécnicas, que saltan e mutan de animais a persoas.
O programa de doutoramento en Ciencias Agrícolas e Medioambientais impulsado nos seus comezos pola USC e a Universidade San Carlos de Guatemala e no que agora participan outras institucións académicas centroamericanas, é unha das accións universitarias impulsadas para avanzar na conservación medioambiental e no desenvolvemento dos territorios, o que implica a mellora da calidade de vida e a provisión de alimentos para a súa poboación.
Logo de sinalar algunhas rexións do sureste asiático, Centro América e mesmo de África como as máis proclives a sufrir os efectos derivados da degradación ambiental e de solos, Merino destacou o crecente compromiso das universidades pola protección da biodiversidade, xa que este equilibrio, engadiu, garante a provisión de alimentos e tamén nos protexe de enfermidades. O profesor da USC lembrou neste senso algúns proxectos silvopastoforestais xa implementados en comunidades de Paraguai ou no Congo, e cos que a poboación obtén recursos económicos da madeira ao tempo que ten alimentos.
O proxecto europeo LandCare, centrado na restauración de solos asolados por incendios e no que tamén participa este investigador da USC, posibilitou xa o desenvolvemento de técnicas de supervisión visual que permiten definir as zonas que precisan de intervención, o que supón un importante aforro de custes de restauración. A rexeneración de concas mineiras con material orgánico e limpo, tal e como se fixo en As Pontes nunha actuación na que tamén participou a USC e que hoxe é modelo para Europa, relatou Merino, ou proxectos de sensibilización como ‘Plantando cara ao lume’ son tamén exemplos da contribución que poden prestar as universidades, dixo.
Cambio climático e alimentación
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e o vicerreitor da Universidade Nacional Autónoma de México, Ken Oyama, participarán este tarde como moderadores no seminario virtual sobre cambio climático e alimentación, un foro pomovido pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC en colaboración coa Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), co gallo do Día da Terra, unha efeméride que chega este ano a seu 50 aniversario.
Unha vez rematada a sesión de apertura e benvida a todo o público virtual, o profesor da UNAM, Felipe García-Oliva, un investigador estreitamente ligado á USC, onde completou diversas estadías nos campus de Santiago e Lugo, abrirá a quenda de relatorios coa charla titulada ‘Cambio climático, degradación ambiental e soberanía alimentaria’. De seguido, o profesor Agustín Merino García, guiará unha sesión baixo o título ‘Innovación educativa para a restauración de espazos degradados para a biodiversidade e os alimentos'.