A colaboración das bibliotecas universitarias e a Xunta fornece á investigación galega con cinco millóns de euros para acceder a información científica na rede
O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia) recibirá durante o ano 2009 unha achega de 4.930.324 euros procedentes da Xunta e das tres universidades galegas destinados á contratación de recursos electrónicos dirixidos, fundamentalmente, á comunidade científica, docentes universitarios e estudantes de terceiro ciclo.
Bugalicia ten como obxectivo fundamental o apoio continuo aos servizos bibliotecarios das tres universidades galegas a través da cooperación interbibliotecaria. “O seu propósito é favorecer a produción científica que se desenvolve en Galicia poñendo a disposición dos estudantes, docentes e investigadores unha útil ferramenta tecnolóxica, como é o acceso a través da rede a un alto número de recursos electrónicos de información científica”, afirma a súa directora técnica, Victoria Millor. Estes recursos son, fundamentalmente, bases de datos, revistas e libros electrónicos, xestores bibliográficos e ferramentas para potenciar a publicación dos investigadores galegos en revistas de alto factor de impacto.
O orzamento de Bugalicia ascende en 2009 a 5,1 millóns de euros, dos cales 3,2 proceden do esforzo inversor das universidades galegas, destinado na súa práctica totalidade ao acceso á información científica a través da rede. Pola súa banda, o Goberno galego achega 1,9 millóns de euros, dos que 1,3 proveñen da Dirección Xeral de I+D+i; 595.550 da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia; e 60.000 da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. O Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, proporciona o soporte tecnolóxico.
Cooperación igual a máis capacidade e recursosO esforzo conxunto da cooperación interbibliotecaria universitaria e da Xunta de Galicia a través de Bugalicia tradúcese nun investimento de 765 euros per cápita durante 2009, é dicir, entre cada un dos 6.441 investigadores adscritos na actualidade ao Sistema Universitario de Galicia.
Victoria Millor asegura que froito desta cooperación xurde unha das actividades fundamentais de Bugalicia, “como é a negociación conxunta de contratacións de interese común ás tres universidades coas editoriais proveedoras de información científica na rede, como grupos de revistas, entre as que se atopan as máis prestixiosas a nivel internacional”, engadindo que “o feito de que o Consorcio actúe como un único interlocutor para as tres universidades proporciona máis capacidade negociadora, multiplica o número de recursos con prezos máis competitivos e minimiza a burocracia e os riscos das operacións”.
O acceso aos recursos on line de información electrónica esténdese a toda a comunidade universitaria, aínda que son os propios investigadores adscritos a un departamento e o persoal docente e estudantes de terceiro ciclo os principais usuarios e destinatarios destes recursos.
Máis de 20.500 e-revistas, 4.359 e-books e medio cento de bases de datosNa actualidade a comunidade científica universitaria galega ten acceso a múltiples bases de datos, libros e revistas electrónicas froito dos recursos consorciados, que manteñen cubertos todos os ámbitos de coñecemento.
O volume de revistas electrónicas accesibles grazas a Bugalicia ascende a 20.673 títulos a texto completo, que se suman aos 4.359 libros da biblioteca en liña e preto de medio cento de bases de datos referenciais, 46 en total. Así mesmo, tamén se proporciona outro tipo de material a través da rede, como 10.517 actas de congresos e os denominados estándares, elementos de consulta indispensable no eido das enxeñerías.
Bugalicia proporciona e mantén ferramentas de xestión bibliográfica dixital como Refworks, que permite a toda a comunidade universitaria (actualmente xa hai 9.320 contas abertas) almacenar unha base de datos de persoal de investigación, intercambiar investigacións con colegas e descargar bibliografías en diferentes formatos de acordo ás esixencias das diferentes publicacións. Ademais de proporcionar mecanismos de investigación, ao profesorado tamén lles permite dotar de acceso de só lectura ás bibliografías relacionadas cun curso.
Racionalización do investimento Bugalicia leva investido entre 2002 e 2008, ambos os dous incluídos, unha media anual de 3,6 millóns de euros na adquisición e ampliación de recursos de información científica en liña, aos que antes se accedía en papel integramente. A universidade de Santiago tiña unha sala habilitada só para a consulta en papel do Chemical Abstracts, unha publicación que era consultada por científicos de todo o Estado que se desprazaban a Santiago. “Agora, os nosos investigadores téñena a man a través do seu ordenador, no seu despacho. Por iso, identificamos o nacemento de Bugalicia co xurdimento do uso da información electrónica e das novas tecnoloxías”, explica Victoria Millor.
A directora técnica de Bugalicia indica que a súa traxectoria está sustentada pola racionalización e adecuación dos recursos ás necesidades da comunidade científica universitaria galega: “Unha parte fundamental da labor do Consorcio é a racionalización de todos os recursos que proporciona, adecuándoos ás liñas de investigación do Sistema Universitario de Galicia a través do estudo pormenorizado e continuado da produción científica dos seus investigadores, que entendemos como unha das principais liñas do noso traballo”.
As máis consultadasAs estatísticas de uso, tomadas proporcionalmente ao número de investigadores de cada área, son un importante indicador para as sucesivas contratacións de bases de datos e revistas electrónicas, fundamentalmente, que orientan una xestión eficiente dos recursos postos a disposición da comunidade investigadora das nosas universidades.
Os últimos datos, relativos a 2008, indican que os usuarios dos recursos realizaron máis de medio millón de consultas sobre as bases de datos contratadas por Bugalicia. Da Universidade de Santiago de Compostela proceden máis da metade das consultas, mentres que de Vigo chega o 32% e da Coruña o 13,90%.
Polo que respecta á consulta de e-revistas, ao longo de 2008 producíronse máis de 700.000 descargas de artigos a texto completo. A universidade compostelá acumula o 55% das consultas, seguida de Vigo co 28% e da Coruña co 16%.
En relación ás descargas a texto completo de libros foron case 2.000. Polo que respecta ás consultas de estándares ou actas de congresos de enxeñaría, acumuláronse 21.482. Vigo realizou o 57% das consultas, a Universidade da Coruña o 18% e, finalmente, Santiago o 15%