A colaboración interdisciplinaria, eixo da décimo primeira edición do Encontro da Mocidade Investigadora
O Encontro da Mocidade Investigadora que chega xa á súa edición número once, favorece as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento. A Facultade de Psicoloxía da USC acolle este foro que se desenvolverá os días 10 e 11 de xuño, dende as 9.30 horas, organizado polas tres universidades públicas galegas e dirixido ao seu estudantado de doutoramento.
“O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que se animen a participar”, explican dende a organización. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura). O XI EMI ofrece “unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias coas demais compañeiras predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades”, sinalan.
No marco do EMI procederase á entrega dos Premios Extraordinarios de Doutoramento 2021-22 da USC. O acto terá lugar o día 10, ás 19.00 horas, e estará presidido polo reitor Antonio López Díaz. Recollerán o seu premio cinco doutorandos e doutorandas da área de Artes e Humanidades, dez da de Ciencias e Enxeñarías, doce na de Ciencias da Saúde e oito da de Ciencias Sociais e Xurídicas.