Ir o contido principal

A colaboración entre USC e Consello de Contas permitirá a análise do custo efectivo dos servizos públicos municipais

Os reitores das tres universidades públicas galegas asinaron os seus respectivos convenios co Consello de Contas. De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Antonio López, José Antonio Redondo e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
Os reitores das tres universidades públicas galegas asinaron os seus respectivos convenios co Consello de Contas. De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Antonio López, José Antonio Redondo e Julio Abalde. FOTO: Santi Alvite
O convenio asinado polo reitor Antonio López e polo conselleiro maior José Antonio Redondo céntrase no desenvolvemento dun proxecto de investigación, coordinado pola profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, María Cadaval
Santiago de Compostela

A USC e o Consello de Contas de Galicia establecerán accións conxuntas para realizar a análise do custo efectivo dos servizos públicos municipais. Este é o obxecto do convenio presentado este mércores 24 polo reitor Antonio López e o conselleiro maior José Antonio Redondo, na sede do Consello de Contas, e que se centra no desenvolvemento dun proxecto de investigación, coordinado pola profesora da USC María Cadaval e que contará con persoal investigador tanto da institución compostelá como da UVigo e doutras universidades españolas. 

O proxecto centrarase en verificar os métodos de cálculo do custo efectivo dos servizos públicos municipais, así como en avaliar a eficiencia, economía e efectividade dos servizos públicos dos entes locais. A investigación sitúase no eido da economía aplicada vinculada á contabilidade analítica no ámbito da Administración local. Os resultados desta colaboración redundarán na análise que fará o Consello de Contas nun informe que ten programado sobre o custo efectivo dos servizos públicos municipais.

A selección do equipo de traballo está determinada pola especialización do departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e os traballos de investigación efectuados en torno á contabilidade de custos no eido da Administración Local de Galicia.

Plan de traballo

O proxecto estrutúrase en dúas fases. A primeira delas constará dunha investigación aplicada sobre o cálculo do custo efectivo dos servizos municipais, análise do método e práctica de cálculo; mentres que a segunda fase abranguerá un estudo relativo á aplicación da contabilidade analítica en relación coa xestión de determinados servizos públicos municipais, en base á mostra de concellos e servizos acordados tras a primeira reunión da comisión de seguimento. O convenio tamén contempla accións formativas dirixidas ao persoal do Consello de Contas de Galicia, así como a extensión do traballo de colaboración coas deputacións provinciais de Galicia. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.05.2023.