A Colección Clásicos do Pensamento Universal recibirá a vindeira semana o premio á Mellor Colección dos Premios Nacionais de Edición Universitaria
A USC ten reservado un oco de honra na entrega dos Premios Nacionais de Edición Universitaria que a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) celebrará a vindeira semana en Almería. A universidade compostelá recibirá o galardón na modalidade de Premio á Mellor Colección por ‘Clásicos do Pensamento Universal’ en recoñecemento “á coidada edición e pola proxección social e valor cultural que supón verter as obras do pensamento universal á lingua galega”, segundo o ditame do xurado. Ademais, no transcurso da Asemblea xeral da UNE, asociación que integra ás editoriais e servizos de publicacións de 62 universidades e centros de investigación españois, o director do Servizo de Publicacións compostelán, Juan Blanco, intervén na mesa Redonda ‘Edición Dixital: novos soportes, novos formatos’ para falar da expansión dixital das publicacións da USC, xunto coa experiencia da Universitat Oberta de Catalunya, a cargo do seu director de Publicacións, Lluís Pastor. ‘Clásicos do Pensamento Universal’ Clásicos do Pensamento Universal é unha iniciativa que promoven dende 2002 a Universidade de Santiago e a Fundación BBVA estando deseñada, editada e producida integramente polo Servizo de Publicacións e a Imprenta Universitaria compostelá. Creada e dirixida dende os seus inicios polo profesor Darío Villanueva, a colección leva vertidas ao galego, ata o momento, un total de dezasete obras de Maquiavelo, Claude Bernard, von Neumann, Freud, Newton, Darwin, Platón, Aristóteles, Erasmo, Tomás Moro, Sapir, MacLuhan, Beccaria, Rousseau, Max Weber, Séneca e Lavoisier. A colección da USC acadou esta importante distinción competindo con propostas das universidades de Zaragoza, Deusto, Politécnica de Catalunya, Sevilla, Jaume I, Salamanca, UNED, Huelva e CSIC. En opinión do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, o galardón “ recoñece con toda xustiza un impecable labor editorial, a entrega de todo un equipo humano e profesional de natureza absolutamente universitaria e, sobre todo, unha achega histórica á cultura e ao idioma galego”.