Ir o contido principal

O Colexio de Avogados de Lugo acollerá un curso de verán sobre xustiza, proceso e democracia

O curso ‘Xustiza, proceso e democracia’, que se celebrará do 10 ao 12 de xullo no Colexio de Avogados de Lugo, baixo a dirección de Lotario Vilaboy Lois, pretende establecerse como un foro de debate sobre a xustiza do século XXI. Expertos, catedráticos e maxistrados estudarán aspectos como a solución de conflitos por vías alternativas á xudicial, a cooperación xurídica internacional, a necesidade dun Código Procesal Penal da democracia, a redefinición do modelo de Ministerio Fiscal en España ou a protección xurídica dos colectivos sociais máis desfavorecidos, entre outros.
Os relatorios comezan o martes 10, co catedrático de Dereito Procesal da Universidade de Valencia e Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Valencia, Juan Montero Aroca, sobre a potenciación de vías de solución de conflitos alternativas á xudicial. A continuación, a catedrática de Dereito Procesal da Universidade de Almería, Carmen Senes Motilla, disertará sobre os avances nos instrumentos da cooperación xurídica internacional. Xa pola tarde os temas a analizar serán a necesidade dun Código Procesal Penal da democracia e a redefinición do modelo de Ministerio Fiscal en España.
O martes 11 o programa da mañá estará dedicado á análise da protección xurídica dos colectivos sociais máis desfavorecidos, co relatorio da catedrática de Dereito Procesal da Universidade das Illas Baleares, Isabel Tapia Fernández, e aos novos sistemas de acceso á avogacía, procuradoría e xudicatura, questión que será tratado polo tenente-fiscal da Audiencia Provincial de Lugo. Pola tarde o catedrático de economía da Universidade Autónoma de Madrid, Santos Pastor Prieto, fará ‘Unha análise económica á Xustiza’ e deseguido se abordará a problemática da implantación do novo modelo de oficina xudicial.
O último día resérvase para cuestionar a posibilidade dun novo modelo de relacións entre Tribunal Constitucional, Tribunal Supremo e tribunais superiores de xustiza e as relacións co goberno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2007.