O Colexio de decanos e directores de centros da USC lamenta as dificultades para desenvolver as prácticas por mor dos recortes

Os decanos e directores de centros da Universidade de Santiago de Compostela puxeron de manifesto que os progresivos recortes orzamentarios que están a experimentar os seus respectivos centros universitarios dificultan, cando non impiden, o desenvolvemento das prácticas por parte do estudantado.
A coordinadora do Colexio de decanos e directores de centros da USC, María Victoria Otero Espinar, explicou neste senso que a falta de disposición de recursos orzamentarios está a impedir xa nalgúns casos que os estudantes universitarios poidan desenvolver prácticas de laboratorio e tamén prácticas de campo, o que repercute de xeito negativo na propia formación do alumnado. Otero Espinar recoñeceu estar preocupada por esta situación, que en maior ou menor medida, afecta a todas as facultades e escolas da Universidade de Santiago, dixo. A coordinadora do Colexio de decanos e directores de centros da USC salientou neste senso a urxente necesidade de tomar decisións que permitan corrixir e enmendar estas deficiencias en aras a unha formación de máis calidade. O inminente proceso de acreditación das titulacións universitarias ofertadas pola USC e a posta en común das distintas medidas contempladas no plan piloto de acreditación promovido pola propia institución académica para facilitar e optimizar este proceso de obrigado cumprimento, foi outras das cuestións que trataron os decanos e directores de centros da USC nesta primeira reunión do curso do órgano colexiado, unha sesión na que estiveron presentes a maioría dos 25 decanos e directores de centros da USC, mentres que os ausentes a seguiron a través de videoconferencia. A xuntanza de traballo do Colexio de decanos e directores da USC serviu asemade para que todos os asistentes debateran, analizaran e puxeran en común todas aquelas cuestións que afectan ao correcto funcionamento dos centros universitarios.