Ir o contido principal

O Colexio de Fonseca acolleu a apertura solemne do curso universitario 2019/20 do SUG

A comitiva académica de profesorado togado comezou o seu paseo no Colexio de San Xerome para dirixirse ao de Fonseca. Foto: Santi Alvite
A comitiva académica de profesorado togado comezou o seu paseo no Colexio de San Xerome para dirixirse ao de Fonseca. Foto: Santi Alvite
O reitor compostelán reivindica a necesidade dunha nova Lei Orgánica de Universidades así como a definición dun novo plan plurianual de financiamento do SUG
Santiago de Compostela

O paseo da comitiva académica de profesorado togado entre os colexios de San Xerome e Fonseca pola rúa do Franco abriu este venres 6 o acto de inauguración do curso 2019/20 nas universidades galegas, celebrado por quenda rotatoria na institución compostelá. “A universidade cambiou máis no último medio século que o que tiña cambiado en todos os anteriores. A Universidade, as Universidades atopámonos nun momento crítico, nun momento no que hai que tomar decisións que poden comprometer o noso futuro”, afirmou o reitor da USC, Antonio López, en presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e dos seus homólogos da Coruña, Julio Abalde Alonso, e de Vigo, Manuel Reigosa Roger (Uvigo), integrantes da mesa presidencial do acto xunto co presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva. No inicio da súa intervención, Antonio López destacou que o novo curso coincide coa conmemoración do trixésimo aniversario da creación das universidades da Coruña e Vigo, responsables da prestación do servizo público de ensino superior en Galicia xunto coa cinco veces centenaria Universidade de Santiago.

O reitor compostelán chamou a atención sobre a pertinencia de “abordar a nivel nacional a reforma da Lei Orgánica de Universidade”, na procura dun “novo marco xeral para as Universidades en España” e do regulamento dun “marco xeral de financiamento do ensino superior que lle permita recuperar, cando menos, parte dos recursos perdidos neste período de crise e que teñen influído na nosa estrutura e nas condicións do noso persoal e tamén no estados das nosas infraestruturas”. En opinión de López, “uns recortes tan importantes e continuados no tempo que teñen moito que ver co comportamento das universidades nos rankings internacionais, onde os efectos sempre se perciben cun certo retardo, ao tempo que nos sitúan lonxe dos estándares da nosa contorna, tanto en termos absolutos como relativos”.

Unha “boa Lei de Universidades” debería recoller, en opinión do reitor da USC, a re definición tanto das categorías de persoal en formación como de PDI para atender os novos requirimentos; a flexibilización dos procedementos e fórmulas de contratación compaxinando os principios da contratación pública coa actuación áxil e adecuada; repensar a organización das universidades e das súas unidades funcionais tradicionais, así como a previsión de novas estruturas; e repensar o réxime de gobernanza, todo isto en paralelo ao reforzamento dos “ mecanismos de rendición de contas, contraparte necesaria e imprescindible da autonomía que integra con carácter esencial a institución universitaria”.

Plan de financiamento
Xa no plano autonómico, “Universidades e administración autonómica teremos que redefinir un novo plan plurianual de financiamento que substitúa o vixente actualmente e que remata en 2020”, lembrou Antonio López no seu discurso. Estes acordos de carácter plurianual, “que en Galicia cumpren xa máis de 20 anos, son un elemento básico da sempre feble autonomía financeira das universidades”. O reitor apuntou algúns dos criterios e regras de evolución dos diferentes fondos que compoñen o plan apostando por un sistema que relacione boa parte do financiamento coa consecución de obxectivos, dispoñendo ademais dun financiamento estrutural suficiente e incondicionado. Neste mesmo marco engadiu a necesidade de “apostar pola diversidade”, na medida en que “as tres universidades somos ben diferentes e tamén distintas son as necesidades e tamén os servizos complementarios que en cada caso prestamos en aras da garantía da igualdade de oportunidades”.

Retos das universidades
“Temos que seguir traballando para ser máis eficaces e eficientes na utilización dos recursos, cada unha pola súa banda, pero tamén optimizando os instrumentos de colaboración e xestión compartida” subliñou López en relación aos retos das universidades galegas. O reitor da USC avogou por “potenciar o Consorcio Interuniversitario para o Sistema Universitario de Galicia, como un instrumento para a xestión compartida pero tamén para a eficiencia e a redución de custes en determinados servizos transversais e comúns para as tres universidades”.

Antonio López tamén aseverou que “fronte á idea e mapas pechadas e de teitos do sistema, defendemos que, conxugando demanda social, empregabilidade e recursos dispoñibles, temos que adaptar a oferta á realidade de cada momento coa máxima axilidade, particularmente nos casos dos mestrados, garantindo sempre a calidade do servizo que debe ser a outra pedra angular”. O obxectivo perseguido é que “o sistema público de Universidades debe ser quen de ofrecer a formación que precisa a nosa sociedade e atender a demanda do estudantado”.

Graos abertos e especialización Na súa intervención, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o desenvolvemento dunha experiencia piloto de graos abertos a partir do curso 20-21, nos que os alumnos poderán elixir durante ano e medio materias de varias carreiras antes de decidirse definitivamente por unha delas. O presidente salientou que a comunidade galega será a terceira en implantar esta fórmula e explicou que na experiencia piloto do vindeiro curso 2020-2021, o número de prazas ofertadas será dun máximo de 25 para cada grao aberto, sendo 5 o número máximo de graos do programa e contando coa correspondente subvención.

“O Sistema Universitario Galego ten despregado oito Campus de especialización e, agora, iniciarase o proceso da súa acreditación formal, algo no que Galicia será novamente pioneira”, dixo Alberto Núñez Feijóo, lembrando tamén que este mesmo mes publicarase a nova convocatoria de axudas aos Centros avanzados de investigación, unha resposta ás novas demandas da formación universitaria e que contan con financiamento desde 2008. Igualmente resaltou que esa evolución do modelo universitario galego ten un novo fito co Proxecto Galicia 2030, destinado á elaboración dun catálogo de perfís profesionais de futuro, e a conseguinte definición de novas titulacións. Ultimada a primeira fase, o documento recolle 30 perfís profesionais de carácter transversal e sectorial.

Lección maxistral
Na conferencia ‘A década que cambiou a química analítica’ o catedrático Rafael Cela Torrijos presentou a química analítica como a “ciencia da información química”, sendo nesta disciplina onde se desenvolveu durante a década dos 70 e seguintes a quimiometría, “que como vemos, evolucionou e diversificou os seus obxectivos, foi adoptada por outras ciencias, en ocasións modificando a denominación para facela un pouco máis súa, pero que continúa o seu desenvolvemento esencialmente neste campo da ciencia”.

A química analítica e a quimiometría “son ciencias reactivas, funcionan porque existen problemas que resolver e ese problemas necesitan información química, fiable e precisa para poder ser resoltos”. Neste senso, o docente mostrou nesta lección maxistral ata que punto a “ciencia da información química debe combinarse con outras ciencias para a resolución dos problemas complexos e, á vez urxentes, que afectan á sociedade actual” e para o cal “debe utilizar todas as ferramentas ao seu alcance e como esta combinación produce mellores aproximacións que as dispoñibles ata hai poucas décadas”.

O acto contou cunha numerosa representación de distintas institucións sociais, políticas, culturais e académicas de toda Galicia.

O titular da Xunta de Galicia, no centro, xunto cos reitores das universidades galegas, o presidente do Consello Social de Uvigo e o profesor Cela TorrijosFoto: Santi Alvite A sesión solemne celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite O acto contou coa presenza numeroso público en representación de distintas institucións sociais, políticas, culturais e académicas. Foto: Santi Alvite O profesor Cela Torrijo foi o encargado de pronunciar a lección maxistral do acto de inauguración. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.