Ir o contido principal

Colgate España entregou na USC os seus premios de investigación odontolóxica

Unha alumna da USC acadou o premio na modalidade de prevención e periodoncia

No pasado mes de xullo a alumna de Odontoloxía da USC Elena López Alvar foi galardoada co III Premio Colgate de Investigación Odontolóxica na súa modalidade de ‘Prevención e Periodoncia’, que este xoves se lle entregou na Facultade compostelá de Medicina e Odontoloxía. O traballo da USC premiado levaba por título ‘Influencia do ritmo circadiano na sustantividade in vivo da Clorhexidina’ e del destacou o xurado “a interesante relación entre este eficaz antibacteriano e os ciclos circadianos”.
Ao acto de entrega dos premios este xoves en Santiago acudiu tamén a estudante da Universidade de Murcia Cristina Pérez Sánchez, recoñecida na categoría de ‘Investigación odontolóxica de temática libre’ por un traballo no que desenvolve unha proposta de investigación básica aplicada á área de implantoloxía.

Na entrega participaron o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos; o decano da Facultade, José María Fraga; a vicedecana de Odontoloxía, Mª Jesús Mora; o director do Departamento de Estomatoloxía, Juan Manuel Seoane; Ignacio Corral, secretario do xurado; e Guillermo Camacho, responsable de Asuntos Profesionais de Colgate.
O Premio Colgate distingue a aqueles estudantes dos dous últimos anos de Odontoloxía que desenvolveran unha investigación baseadas nas súas propias hipóteses de traballo. O obxectivo da iniciativa é incentivar aos alumnos para que propoñan ideas que lles inciten ao estudo e desenvolvemento de proxectos e traballos de investigación en calquera área curricular dos estudos de Odontoloxía, contando coa supervisión e consello dun profesor titor da súa universidade.
Nesta edición constituíron o xurado os decanos de Odontoloxía das universidades Complutense, Mariano Sanz; de Barcelona, Silvia Sánchez; de Sevilla, Pedro Bullón; e da Universidade Rey Juan Carlos, Rafael Linares; así como o asesor médico de Colgate, Ignacio Corral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2009.