Un coloquio sobre democracia con ex parlamentarios galegos cita máis dun centenar de estudantes en Formación do Profesorado
Máis dun centenar de estudantes da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo participaron este venres nunha das sesións programadas polo Parlamento de Galicia en colaboración coa Asociación de Ex Parlamentarios co obxectivo de espallar entre a xente moza os valores da democracia e tamén para favorecer o coñecemento do traballo que se desenvolve na institución representativa do Pobo Galego.
O coloquio desenvolvido no campus de Lugo ao abeiro desta iniciativa do Parlamento Galego contou coa particiación de tres ex parlamentarios pola provincia de Lugo por tres formacións políticas diferentes, tal e como o son Manuela López Besteiro, Ismael Rego González e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo.
O decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, foi o encargado de abrir este foro, ao que asistiu o alumnado da materia de primeiro curso do Grao de Mestre en Educación Primaria Teoría e Historia da Educación Escolar, da que é responsable o profesor Francisco Xosé Candia.
A sesión comezou coa proxección dun documento audiovisual sobre o Parlamento de Galicia e rematou cunha quenda aberta de preguntas, durante a que o público asistente tivo ocasión de interpelar a calquera dos tres relatores convidados.
De esquerda a dereita, Candia, López Besteiro, Rodríguez Lestegás, Rego e Rodríguez Feixóo