O Coloquio ‘Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz’ achega experiencias internacionais arredor dos procesos de recuperación da memoria histórica
Do 13 ao 15 de decembro expertos internacionais de primeiro nivel reuniranse no Coloquio Internacional ‘Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz’ que organiza o proxecto ‘Nomes e Voces’ dentro das actividades do Foro 2010. O programa deste encontro presentárono en rolda de prensa o director do proxecto, o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, e o historiador e profesor emérito da Universidade de Nova York Nicolás Sánchez Albornoz que será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural. O ámbito que aborda o coloquio permítelle á historia situarse como un elemento de reconciliación consciente, ao “revisitar” o pasado a través de novas técnicas e medios, sinalou Lourenzo Fernández Prieto na presentación. O coordinador do proxecto ‘Nomes e Voces’ resaltou ademais a necesidade que a reconciliación se realice “sobre o coñecemento e non sobre a ignorancia forzada”. O Coloquio ponse así en disposición de achegar a súa particular contribución á construción da cultura de paz. A evolución de España a través da historia recente pon de manifesto a potenciación desta cultura de paz, dixo pola súa banda Nicolas Sánchez-Albornoz, quen alertou de que “a memoria está desaparecendo”. O catedrático considera que os protagonistas –entendidos como fontes orais de información- do período franquista desapareceron ou cóntanse cos dedos da man polo que a fonte principal para estudar esta época da historia española pronto serán unicamente os arquivos, engadiu. Este coloquio contará entre os seus convidados a destacados estudosos da recuperación da memoria histórica, procedentes de España e de fóra. É o caso do xornalista e escritor arxentino Horacio Verbitsky, o catedrático Julián Casanova (membro do grupo de expertos encargado da busca de fosas comúns e a identificación das vítimas no sumario contra os crimes franquistas promovido por Baltasar Garzón) ou o catedrático da Universidade de Pisa Gabriele Ranzato (considerado un dos máximos eruditos da historia española do século XX e concretamente da II República Española e a Guerra Civil). Tamén intervirán o catedrático e ex reitor da Universidade de Valencia Pedro Ruiz, presidente da Asociación de Historia Contemporánea e director de diversas publicacións especializadas; a profesora Maria Luiza Tucci Carneiro, que desenvolve investigacións sobre cuestións dos dereitos humanos, intolerancia, anti-semitismo, etnicidade, escravitude, censura, nazismo e inmigración xudía a Brasil; ou Silvestre Lacerda, director da Direcçao Geral de Arquivos (DGARQ), un servizo central da administración estatal portuguesa coordinador do sistema nacional de arquivos. Programa O catedrático Nicolás Sánchez-Albornoz será o encargado este luns 13 de pronunciar a conferencia inaugural do encontro, nun acto que dará comezo ás 19:00 horas no Paraninfo da Universidade coa presenza do reitor Juan Casares. ‘O pasado incómodo no estado español: guerra, persecución, reconciliación’ é o tema da mesa redonda que abrirá as intervencións do martes 14 a partir das 9:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación. Ampliando esta perspectiva, o programa continuará analizando o caso Europeo a través dun tratamento histórico-comparativo dos procesos de guerra, persecución e reconciliación. Xa pola tarde, a partir das 15:30 horas, investigadores de Brasil, Italia, O Salvador e Arxentina reflexionarán sobre o “pasado incómodo” en Latinoamérica, ao que lle seguirá unha quenda de intervencións sobre ‘Xenocidio, xustiza transicional e reparación xurídica: reconciliación e esquecemento’. O programa do mércores 15 comezará ás 9:00 horas referíndose ao tema ‘A recuperación cívica das memorias. O pasado oculto desde a sociedade’ e no que estarán representadas os colectivos ‘ Todos los nombres de Andalucía’, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a Mesa de Catalunya d’Entitats Memorialistes, a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica, o Instituto de Estudos Miñoranos e a Coalición Internacional de Sitios de Conciencia. ‘ Memoria e arquivos’ será a mesa que complete a sesión matinal do mércores. Xa pola tarde, a partir das 15:30 horas, o encontro chegará ao seu fin cos debates da mesa ‘ Construíndo o pasado. A investigación do pasado incómodo’.