Os Coloquios en Compostela 2016 dedicaranse a antigos e novos desafíos en materia de sanidade e migracións
Os Coloquios en Compostela celebraranse a vindeira semana no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia e na Facultade de Filosofía co lema ‘Migracións e sanidade: antigos e novos desafíos’. Esta é unha actividade que organiza a Cátedra Unesco 226 sobre Migracións e cuxo comité organizador encabeza o profesor Julio Hernández Borge.
A conferencia inaugural celebrarase o próximo día 10 a partir das 19.30 horas no Paraninfo da Universidade e impartiraa o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, co título ‘Migracións e saúde pública: realidades e mitos’. Xa o día 11, o programa continuará coa participación de representantes dos complexos hospitalarios universitarios de Santiago e Ourense, da Dirección Xeral de Saúde Pública e das Universidades de Coimbra, Minho e A Coruña. Entre os temas de análise atópanse as necesidades vacunais de inmigrantes e refuxiados, psicopatoloxía do retorno migratorio, influencia dos fenómenos migratorios na enfermidade inflamatoria intestinal ou os hospitais como xeradores de mobilidade en Portugal no século XIX, entre outros.