Ir o contido principal

Comeza en Bioloxía o I Encontro da Mocidade Investigadora EDI-USC

O I Encontro da Mocidade Investigadora EDI-USC, que se celebrará entre este xoves 13 e o sábado 15 na Facultade de Bioloxía, dará visibilidade á actividade investigadora que se realiza na USC no marco dos programas de doutoramento. Ademais, esta é unha iniciativa que busca promover o intercambio de experiencias entre o persoal investigador en formación, así como promover o exercicio da crítica científica, compartir experiencias e crear un marco de discusión de cuestións de interese para o persoal investigador. O reitor Juan Casares presidirá a inauguración oficial do encontro este xoves na Aula Magna do centro a partir das 13.00 horas. Esta é unha iniciativa que promoven a Escola de Doutoramento Internacional (EDI) e o Centro de Posgrao coa colaboración da Fundación Barrié e da Facultade de Bioloxía. Logo do acto inaugural, a catedrática de Lingüística Inglesa, Teresa Fanego, pronunciará a conferencia inaugural na que achegará unha serie de apuntamentos e reflexións respecto da construción dunha carreira investigadora. Deseguido será a quenda das comunicacións orais, capítulo no que o encontro ten recibido arredor de 180 propostas, comezando cunha sesión dedicada á Área de Humanidades. Para completar este primeira xornada celebrarase unha táboa redonda dedicada a reflexionar sobre a etapa predoutoral. Moderada pola directora da EDI, Isabel Rodríguez-Moldes, intervirán Gabriel Santos, representante de Precarios; o doutorando da Área de Ciencias Experimentais e de Ciencias Xurídicas, Pedro Zurita; o da Área de Humanidades, Miguel A. Pusada; o doutor e director da spin-off Biostatech, Vicente Lustres; a catedrática de Xenética, Laura Sánchez Piñón; e o director da Área de Xestión e Valoración de I+D+i, Rogelio Conde-Pumpido. EDI Esta actividade encádrase nas iniciativas desenvolvidas pola Escola de Doutoramento Internacional no eido da planificación da oferta de actividades de formación e desenvolvementos dos/as doutorandos/as. A EDI é a unidade encargada da organización dos estudos de doutoramento en todos os ámbitos de coñecemento, xa que nela se integran os programas de doutoramento renovados de acordo co Real Decreto 99/2011. A creación desta Escola, aprobada polo Consello de Goberno o pasado mes de outubro, prodúcese por transformación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías a Saúde. Actualmente, está estruturada en tres ámbitos temáticos, Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde; Ciencias Experimentais e Ensinanzas Técnicas; e Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2012.