Comeza o ciclo de concertos Lubicán coa actuación en Maxisterio de Brigada & Bravo Díaz
Os concertos do ciclo Lubicán do ano 2008, organizados dentro do Convenio Lugo Cultural, iniciaranse coa actuación do grupo Brigada Bravo & Díaz este xoves, día 24, ás 21:00 horas na Escola de Formación do Profesorado. Con esta serie preténdese achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
Dende agora, o ciclo desenvolverase todos os cuartos xoves de mes entre xaneiro e maio e entre outubro e decembro. Haberá representantes de estilos tan diversos como folk, rock, pop, jazz, canción protesta e cantautores.
Tomando como base o material recollido no libro de Luís Díaz Viana ‘Cancioneiro popular de la Guerra Civil española’, este grupo propón unha nova interpretación en clave de jazz dalgunhas das máis famosas melodías que se cantaron naquela contenda.´Bravo & Díaz constitúen unha curiosa formación combinando zanfona, caixa de música e guitarra, que lembra sonoridades antigas cunha linguaxe contemporánea e aberta.
Nesta cita musical mensual, varias formacións se presentarán ante o público lugués. Despois desta primeira actuación, continuará en febreiro con Talabarte Trío, El Pararrayos actuará en marzo e Úlo-Ttrío no mes de maio. O 24 de abril o Lubicán acollerá a presentación do novo traballo de Narf Touben coa banda ao completo.
Despois do verán, está prevista a actuación da formación de acústica Mala Herba, no mes de outubro, Grex en novembro e remata o ciclo, en decembro, Alba Noctua, que aúna aos músicos Paloma Suanzes e Miguel Mosquera.
Os concertos celebraranse na Escola de Formación do Profesorado, ás 21:00 horas, agás os de abril e maio, que serán no Auditorio da Facultade de Veterinaria. A intención de Lugo Cultural con este ciclo e ofrecer estabilidade á programación atendendo sempre á diversidade.