Comeza o ciclo de conferencias e concertos que conmemora o terceiro centenario do falecemento do mestre de capela da catedral compostelá
A USC e o Museo do Pobo Galego dan comezo este mércores 19 a un ciclo de conferencias e concertos arredor da figura de Frei José de Vaquedano, un dos grandes compositores do barroco español, no ano en que se cumpren 300 anos do seu falecemento. A inauguración terá lugar este mércores ás 18.00 horas no Museo do Pobo Galego e a continuación desenvolveranse as dúas primeiras conferencias. En primeiro lugar do deán José María Díaz sobre a catedral e a súa fábrica en tempos de José de Vaquedano, e logo do profesor da USC e responsable do ciclo, Carlos Villanueva, que abordará o tema do repertorio que Vaquedano dedicou ao Apóstolo con ocasión da ofrenda rexia, vixente desde mediados do século XVII, mentres fóra da catedral se celebra a festa con todo tipo de manifestacións: fogos, touros e canas. O ciclo continúa a partir do día 26 con outras oito conferencias –todas elas a desenvolver no Museo agás a sesión de clausura, que será no Paraninfo da Universidade- a cargo de destacados expertos da Universidade de Santiago e de ámbitos profesionais que contribuirán ao coñecemento da figura de Vaquedano. Así, intervirán Xosé Luis Barreiro, Andrés Rosende, Xerardo Estévez, Juan Monterroso, Joam Trillo, Ofelia Rey, José López Calo e Javier Garbayo. O programa contempla tamén tres concertos de grupos galegos con música do propio Vaquedano e de autores contemporáneos, que se celebrarán na Igrexa da Universidade con entrada libre. O primeiro, a cargo do Ensemble Galante, terá lugar o 28 de outubro con obras de Bach, Locatelli, Justini e Scarlatti. O 4 de novembro Manuel Vilas, coa soprano Mercedes Hernández e o tenor Francisco Fernández, interpretará catorce das pezas (Tonos humanos) recollidas no Manuscrito Guerra que se custodia na Biblioteca da USC. O Coro Universitario e a Capella Compostelana, baixo a dirección de Miro Moreira, actuarán o 11 de novembro cun programa de Vaquedano, Buxtehude, Purcell e Zipoli. O ciclo, no que colaboran o Consorcio de Santiago e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), está vinculado á celebración do 800 aniversario da consagración da catedral de Santiago e ao Ano da Música. José de Vaquedano Natural de Puente la Reina (Navarra), Vaquedano é elixido en 1680 para ocupar o cargo de mestre de capela da catedral de Santiago, posto no que permanece durante trinta anos ata a súa xubilación en 1710. Excelente compositor, deixou unha obra sobresaínte pola súa calidade e variedade. Mostra disto son as numerosas composicións que, froito da súa longa vinculación á capela compostelá, atesoura o arquivo musical da catedral. Foi precisamente cunha obra de Vaquedano, as súas Lamentacións, coa que se estreou en 1978 o Grupo Universitario de Cámara da USC.