Ir o contido principal

Comeza o coloquio internacional sobre 'Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX'

Aunando historia cultural e política, o coloquio internacional ‘Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX’ tentará avanzar no coñecemento dalgúns problemas fundamentais do pasado recente de España nunha perspectiva comparada. Baixo a coordinación dos profesores Xosé M. Núñez Seixas, da USC, e Javier Moreno Luzón, da Complutense de Madrid, e de Stéphane Michonneau, da Casa de Velázquez, o coloquio celebrarase este xoves e o venres no Consello da Cultura Galega.
O programa de intervencións analizará un conxunto de elementos representativos do imaxinario colectivo españolista ao longo do século XX con especial atención ao período da ditadura franquista. A súa apertura celebrarase este xoves 26 a partir das 10:00 horas nun acto no que intervirán a catedrática da USC Ofelia Rey Castelao, o director da Casa de Velázquez, Jean-Pierre Étienvre, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.
A primeira das quendas de intervencións previstas terá como tema de análise os símbolos da nación española. Nela intervirán, o profesor da Universidade de Leiden Eric Storm cun relatorio sobre a conmemoración de El Greco e o nacionalismo español, xunto ao que tamén participará Alberto Sabio, da Universidade de Zaragoza, para falar de ‘Paisaxe e natureza na construción identitaria rexional en España’. Na mesma quenda, Sandie Holguín, da Universidade de Oklahoma referirase a ‘O problema do flamenco en Barcelona a principios do século XX’. Completando esta mesa, Alejandro Quiroga, da Universidade de Newcastle presentará o relatorio ‘A furia española: fútbol e identidade nacional na España do século XX’ e Eduardo Hernández Cano, da Universidade de New York, outro sobre ‘As revistas gráficas como instrumentos de nacionalización’.
Xa pola tarde, o bloque temático arredor do que se vai debater centrarase nos imaxinarios nacionais dentro e fóra de España. Xa para o venres, os expertos convidados referiranse aos territorios e discursos, como elementos simbólicos da nación no período franquista, así como ás memoria e lugares. Con este conxunto de cuestións, o coloquio pretende responder a unha serie de preguntas tales como que é España, dende cando existe como comunidade imaxinada, cales son os seus sinais de identidade ou de qué maneira se representa a patria, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2009.