Ir o contido principal

Comeza a cuarta edición do máster en Mediación

Comeza a cuarta edición do máster en Mediación
Comeza a cuarta edición do máster en Mediación

A mediación aparece como unha forma de resolución alternativa á xurisdición do conflito, a través da cal as partes en conflito chegan por si mesmas a unha solución coa axuda dun mediador, que coa súa formación ofrece ás partes novas vías de diálogo e entendemento. Co obxecto de formar profesionais no coñecemento das técnicas de avaliación de conflitos e actitudes persoais, o máster en Mediación arranca este venres 8 a súa cuarta edición, que se vai desenvolver ata o próximo mes de xullo. O reitor Juan Casares presidirá o acto inaugural deste posgrao nun acto ás 20.15 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito. Intervirán ademais o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez; a decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Mª Rosa Álvarez; unha representación do Colexio de Educadoras e Educadores de Galicia; e a directora do curso, a catedrática Raquel Castillejo. Nesta mesma sesión, o profesor da Universidade Pablo Olavide Javier Alés encargarase de impartir da lección inaugural. O Máster en Mediación, aberto a titulados/as de calquera rama de coñecemento, formará aos profesionais na utilización de técnicas de negociación e, de forma integral, nos campos nos que é susceptible a mediación como o dereito de familia, adopción, o ámbito empresarial, o dereito de menores, psicoloxía e socioloxía da familia, conflitos escolares, laborais, responsabilidade civil ou conflitos veciñais, entre outros. Entre as características principais da mediación atópanse a voluntariedade e a igualdade entre as partes, podéndose acceder a ela de forma autónoma respecto da xurisdición así como unha vez suscitado o conflito ante a xurisdición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2013.