Comeza en Dereito a sétima edición do curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas
Dende este mércores 2 e ata o próximo día 14 e maio, a Facultade de Dereito acolle o VII Curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas. A inauguración oficial da xornada celebrarase este mesmo mércores a partir das 17.00 horas nun acto no que, presidido pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, tamén está prevista a participación do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro; o presidente do Consello Galego da Competencia, Francisco Hernández; a subdirectora xeral de Traballo, María Coutinho; e o director do Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Inversor da USC (CRGI), Ángel Fernández Albor. O programa académico comezará deseguido cunha mesa redonda ás 18.30 horas dedicada aos retos futuros en materia de organización xurídica da empresa e responsabilidade social. Intervirán o profesor de Economía Financeira e Contabilidade da USC Juan Piñeiro e o catedrático de Dereito Mercantil da Complutense de Madrid Gaudencio Esteban con dúas leccións maxistrais sobre a incidencia da responsabilidade social na creación de valor nas empresas e ‘Responsabilidade social corporativa e administración de sociedades mercantís: aspiracións éticas e realidades xurídicas’, respectivamente. A xornada do xoves 3 desenvolverase co lema ‘Sociedades mercantís. Aspectos transversais’ e nela o catedrático de Dereito Constitucional da USC Carlos Ruíz Miguel falará sobre ‘Goberno corporativo e dereitos humanos’ e a catedrática de Dereito Civil da USC María Paz García Rubio sobre ‘Bo goberno e fontes do dereito’. O venres 4 será a quenda do tema ‘Órganos de administración’ con expertos das universidades de Castela A Mancha, Jaume I e Santiago de Compostela. Segundo o recollido no programa do curso, nos próximos días expertos procedentes de diversas universidades españolas traballarán arredor das medidas modernas de protección do investidor, sobre o funcionamento e control das grandes e pequenas sociedades, o impacto dos dereitos humanos, a protección dos traballadores ou respecto da xestión empresarial, entre outros temas. 12h sendo emprendedor
O curso finalizará coa celebración da xornada ‘12h sendo emprendedor’ na que se promoverá o espírito emprendedor entre o estudantado universitario, ofrecéndolle a perspectiva de que o emprendemento empresarial é unha opción de futuro, e se mostrará a importancia do intraemprendemento dentro das organizacións. O desenvolvemento desta iniciativa articúlase arredor da elaboración dunha ‘proposta de valor’ e a celebración de mesas redondas con expertos galegos. As persoas interesadas nesta actividade aínda poden inscribirse para o que deberán dirixirse a cristina.gil [at] rai.usc.es (cristina[dot]gil[at]rai[dot]usc[dot]es).