Ir o contido principal

Comeza unha nova edición do Máster en Psicoloxía do Deporte da USC

O adestrador do Club Baloncesto Obradoiro, Moncho Fernández, e o psicólogo e especialista en recursos humanos e redemento, Juancho Armental, abrirán o programa docente participando nun coloquio

Unha conferencia coloquio do adestrador do Club Baloncesto Obradoiro, Moncho Fernández, e do psicólogo e especialista en recursos humanos e redemento, Juancho Armental, será o punto de partida do programa docente dunha nova edición do Máster en Psicoloxía do Deporte da USC este venres 18 no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía. O acto inaugural, que precederá ao coloquio, presidirao a partir das 17.00 horas o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, a quen acompañarán a decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero; o director do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, Cástor Méndez; e o director do máster, Constantino Arce. Xunto a eles, está previsto que o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Leta Lasa, pronuncie a conferencia inaugural titulada ‘Os retos do deporte hoxe’. Este posgrao propio está dirixido a titulados/as en Psicoloxía, INEF ou Maxisterio, especialidade en Educación Física, así como a estudantes de último curso en 2013-2014. Ao longo deste curso desenvolverase o bloque teórico do máster, orientado a cuestións como a dirección de equipos deportivos, a preparación psicolóxica para a práctica deportiva, a avaliación psicolóxica e deportiva, actividade física e saúde, desenvolvemento e aprendizaxe deportiva e formación complementaria. O segundo ano do máster estará dedicado á iniciación dos participantes á investigación, a realización de prácticas e a realización do traballo fin de máster.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2013.