Comeza na Escola Politécnica unha nova edición do curso de posgrao sobre Agroecoloxía
A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo comeza este mércores 27 de febreiro unha nova edición do curso de posgrao ‘Agroecoloxía, unha mirada ética cara a agricultura’, que se alongará ata o 3 de abril.
No presente curso daranse a coñecer, no marco da Agroecoloxía, os elementos que posibilitan a avaliación da sustentabilidade en agroecosistemas, nas súas compoñentes ética, económica, social e ambiental. Tamén é pretendido posibilitar a construcción, uso e interpretación de indicadores de sustentabilidade para a súa aplicación en agroecosistemas, á vez que se discuten as súas posibilidades e limitacións.
Estará impartido por profesionais do campo da Agroecoloxía, entre os que figuran profesores da USC e doutras universidades do territorio nacional e doutros países, así como membros da Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA) e da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), entidades copatrocinadoras do evento.
O curso está dirixido a enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, estudantes de Agroforestais, de Ciencias Sociais e de Humanidades, así como a profesionais e xestores do sector das ciencias ambientais. Terá unha duración de 200 horas o que suporá 20 créditos e o recoñecemento de 3 créditos de libre configuración para todas as titulacións da USC.
O programa está dividido en tres módulos teóricos que se avaliarán ao finalizar o curso coa presentación dun traballo. No primeiro, tratarase a ética ambiental e a agroecoloxía, cunha introducción á crise ecolóxica e ao paradigma da ecoloxía cultural. As distintas escolas éticas, a crise, a alternativa da agricultura tradicional, os conceptos e dinámica dos agroecosistemas e a historia agraria e forestal son algúns dos temas deste primeiro módulo, que pode cursarse independentemente, entre o 27 de febreiro e o 4 de marzo, recoñecido cun crédito de libre configuración.
No segundo módulo explicarase o manexo sustentable de agroecosistemas, incidindo na utilización da auga, das pragas e enfermidades e dos tipos de agriculturas alternativas, sen deixar de tocar o tema da silvicultura. O último módulo centrase na biodiversidade, cun análise e avaliación de agroecosistemas e os seus indicadores de sutentabilidade.