Comeza na ETSE o open de galeguización de aplicacións informáticas de software libre
Medio cento de universitarios interesados no software libre traballarán conxuntamente este xoves 30 de abril no primeiro ‘ETSE Open de SL’, unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría que permitirá traballar a prol da galeguización de aplicacións informáticas de software libre e que, como quedou de manifesto ao desbordárense as previsións de matrícula, resulta de máximo interese para a comunidade universitaria.
Trátase de impulsar, coa debida formación técnica previa, a formación dunha comunidade universitaria que poida, en primeira instancia, traducir ao galego software de uso docente na Escola, mais tamén participar noutros eventos de localización na USC. Por outra banda, búscase contar con software en galego que facilite a incorporación e o uso pleno desta lingua na docencia.
A iniciativa conta con dúas actividades interrelacionadas, unha primeira formativa sobre as bases técnicas e prácticas para abordar proxectos de tradución e unha segunda acción práctica en que se levará a cabo a tradución ao galego dunha escolma de aplicacións libres feita pola ETSE de entre as utilizadas na docencia.
Precisamente este xoves darán comezo na ala de informática 6 do Monte da Condesa os obradoiros en que técnicos e lingüistas da Oficina de Software Libre da USC introducirán aos participantes nos rudimentos do traballo de localización. Estas aulas repetiranse o 7 de maio.
Xa o sábado 9 de maio os universitarios reuniranse de novo na ETSE para compartir música, comida, conversa e traballo de localización. Haberá mesmo un premio «Máis e mellor» para aquel equipo que sexa quen de traducir máis cantidade de cadeas e coa maior calidade.
NetbeansA contorno de desenvolvemento e programación NetBeans vai ser o obxectivo principal da tarefa colaborativa de localización ao galego que se realice no open. Netbeans conta cunhas 20.000 cadeas para traducir, que permiten desenvolver e programar outras aplicacións, sendo unha das máis utilizadas en software libre para este fin.
A versión localizada, que será a primeira deste tipo traducida ao galego, terá efecto multiplicador xa que as aplicacións que se programen co NetBeans en galego nacerán tamén neste idioma por defecto.