Ir o contido principal

Comeza na Facultade de Ciencias de Lugo o programa académico do máster oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental

O programa académico da segunda edición do máster oficial en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental comezará este xoves 23 no transcurso dunha sesión inaugural que vai contar coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; do director do master e decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga; e do coordinador do posgrao, Carlos Quintas. A sesión celebrarase a partir das 12:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias.
Cunha metodoloxía mixta, na que se sucederán as sesións presenciais e virtuais, os contidos propostos permitirán aos participantes o acceso aos coñecementos teóricos e prácticos da Prevención de Riscos Laborais para o exercicio profesional como técnicos superiores nas especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada conforme á lexislación vixente.
Os alumnos que terminen o máster poderán exercer tanto na empresa privada como nas entidades públicas, especialmente como técnicos superiores, pero tamén no ámbito da formación en auditorías, protección de riscos laborais na construción e toxicoloxía laboral e saúde ambiental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2008.