Comeza no Ibader o curso de experto en xestión de residuos xerados nas explotacións agrogandeiras e nas industrias agrarias de transformación
O curso de experto en ‘Xestión de residuos xerados nas explotacións agrogandeiras e nas industrias agrarias de transformación’ inicia este venres 10 a súa sexta edición na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural de Lugo (IBADER). A inauguración, que comezará ás 17.00 horas, contará coa conferencia inaugural que pronunciará o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola Felipe Macías Vázquez, na que se referirá á ‘Xestión de residuos e cambio climático’. Esta é unha sesión que será aberta para toda a comunidade universitaria.
Xunto á resolución de varios casos práctico relativos ás industrias de gando vacún, vacún de leite, porcino e varias visitas a distintas explotacións, o programa académico contempla un total de corenta temas nos que se revisará a problemática dos residuos nos ámbitos agrogandeiro e agroindustrial, a xestión de puríns, estercos sólidos, efluíntes, residuos non valorizables agranomicamente, o tratamento de residuos agroindustriais, os refugallos alleos ás explotacións agropecuarias e reutilizados en terreos agrícolas ou o marco legal nestes ámbitos.