Ir o contido principal

Comeza no IBADER a terceira edición do curso de posgrao sobre xestión de residuos agragandeiros e industriais

O prazo de mátrícula continúa aberto ata a data de inicio, o día 14

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus de Lugo dará comezo o día 14 de febreiro á terceira edición do curso de posgrao para formación continua ‘Xestión de residuos xerados nas explotacións agrogandeiras e nas industrias agrarias de transformación’.
O curso iniciarase o próximo xoves cunha conferencia impartida polo catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola Felipe Macías Vázquez, titulada “Perspectivas de futuro da aplicación ao solo de residuos orgánicos”.
Como en anteriores edicións, o curso celebrarase un día á semana, concretamente todos os xoves ata o 3 de xullo. As clases impartiranse pola tarde, de 17:00 a 21:00 horas e para os alumnos suporán ao finalizar un total de 17 créditos.
O curso desenvolverase na Escola Politécnica Superior coa exposición dos temas por parte de profesores da USC e de especialistas da Consellería de Medio Rural. No temario figuran os relatorios de profesores e investigadores dos departamentos de Bioloxía, Edafoloxía, Produción Vexetal, Enxeñaría Agroforestal, Sanidade Animal e Biotecnoloxía Ambiental. Ademais, haberá visitas técnicas a distintas explotacións gandeiras, agroindustriais e plantas de xestión de residuos empregados en terreos agrícolas, así como o tratamento de varios casos prácticos.
O temario do curso centrase principalmente na problemática dos residuos agrogandeiros como os puríns, os estercos sólidos, os efluentes e os residuos non valorizables agronómicamente, así como os agroindustriais. A recuperación dos solos degradados, o marco legal da xestión destes residuos e a reutilización en terreos agrícolas de residuos alleos ás explotacións, completan o programa.
O prazo de matrícula para esta actividade formativa continúa aberto e pode realizarse no propio centro ou chamando ao teléfono de información 982 28 59 00 na extensión 22490.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2008.