Comeza en Lugo o máster oficial en Dirección de Actividades Educativas na Natureza
O salón de actos da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo acolle este xoves 29 a inauguración do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da USC. O acto presídeo ás 17.30 horas o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, acompañado pola deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López; o xefe territorial da Consellaría de Educación en Lugo, José Ramos; e o concelleiro de servizos xerais do Concello de Lugo, Francisco Fraga; ademais do director da facultade, Francisco Rodríguez Lestegás, e do coordinador do posgrao, Eugenio Otero Urtaza. Logo da inauguración está prevista unha conferencia do director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, Carlos Vales, titulada ‘Os espazos protexidos: natureza e educación’. O máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza é un proxecto singular desenvolvido no marco da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, que o leva preparando dende o ano 2007. Trátase dun curso completamente inédito no ámbito das universidades españolas que reúne as temáticas de educación ambiental, educación ao aire libre, paisaxe e arte en relación coa natureza xunto coa capacidades de xestión, organización e dirección de grupos e institucións. “ Falamos dunha materia ata agora nula en España pero con moita presenza en EEUU e algunha menos en Europa”, aclara Urtaza. Efectivamente, países como Estados Unidos, Australia, Suecia, Nova Zelanda, Noruega ou Inglaterra dispoñen de posgraos de prestixio semellantes. Capacitar a educadores e profesores na alta dirección pedagóxica de actividades relacionadas co tempo de lecer, o aire libre e o contacto coa natureza e exercitalos na organización, deseño e desenvolvemento de actividades educativas básicas é o obxectivo principal do posgrao, que rematará cun prácticum no que se aplicarán todos os coñecementos nun contorno real. Matrícula ampliada O máster cubriu no seu primeiro prazo de inscrición as súas 25 prazas, sendo autorizado a matricularse finalmente un máximo de 30 alumnos, que chegan desde dez titulacións distintas, a maioría delas do campo da educación. Asemade, interveñen nel 16 áreas de coñecemento e 28 profesores, todos eles da USC. Este posgrao académico-profesional ofrece unha formación superior específica para profesores de educación primaria e secundaria no ámbito da natureza, educadores e técnicos de asociacións de tempo libre en contornos naturais, xestores de clubs de deporte na natureza, técnicos de educación e protección ambiental en concellos e administracións educativas, directores de aulas da natureza, de granxas-escola e de instalacións educativas en espazos protexidos, deseño de guías da natureza e itinerarios, documentación de rutas e persoas que realicen actividades educativas con maiores ou discapacitados en contornos naturais. Formación complementaria na provincia Os responsables do posgrao chegaron a un acordo coa Deputación de Lugo para desenvolver accións de formación nas reservas lucenses da biosfera, Terras do Miño e Ancares. Tamén existe un convenio co Concello lugués para realizar visitas e desprazamentos a lugares singulares dentro do municipio. Nestes momentos estase negociando con distintos organismos da Xunta de Galicia, especialmente coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Outras institucións que colaboran co máster son a Confederación de Empresarios de Lugo, o Club Fluvial de Lugo, Alvarella Ecoturismo ou oCentro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.