Ir o contido principal

Comeza en Lugo o primeiro simposio da USC sobre agroecoloxía e xestión eficiente dos recursos hídricos

A privatización crecente dos servizos de abastecemento de auga, a análise dos modelos agrícolas e a relación entre auga e territorio son algún dos temas a debate

Os días 13 e 14 de xuño a USC organiza a primeira edición do simposio Agroecoloxía e gobernanza da agua, que nace co obxectivo de converterse nun foro para a reflexión sobre o crecente proceso de privatización dos servizos públicos de abastecemento de auga, a análise dos modelos agrícolas e a súa influencia na disposición de cantidades e calidades da auga e servir, ao mesmo tempo, de foro para o debate en torno á xestión da auga e do territorio. O encontro terá como sede a Casa do Saber, no edificio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo. “Nos últimos decenios asistimos a unha constante tendencia á privatización dos servizos da auga. Os mercados xa están xestionando a auga, e unha cantidade desa auga constitúe un dereito humano básico, polo que hai que abrir un debate sobre este modelo, cheo de limitacións e máis atento ao beneficio económico que ao servizo á cidadanía”, explican Xan Neira Seijo, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo e un dos organizadores do encontro, quen tamén alerta sobre a necesidade de incluír a agroecoloxía “á hora de establecer sistemas de xestión da gobernanza da auga, se queremos garantir a sostibilidade deste recurso”. No acto de inauguración do simposio, que terá lugar o mércores 13 ás 11.00 horas, participan o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a deputada responsable da Área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o deputado responsable da Área de Cultura e Turismo desta mesma institución, Mario Outeiro; o director da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo, Javier Bueno; e Tomás Cuesta García, profesor da EPS e membro do comité organizador do simposio. Primeira xornada A sesión do día 13 comeza co relatorio ‘Estado ecolóxico das masas de auga e DMA’, a cargo do investigador da USC Víctor Cuadrado, ao que seguirá o tamén investigador Juan Raposo cunha intervención en torno ás augas subterráneas e o abastecemento. Tras a inauguración, o director da estación hidrobiolóxica ‘encoro do con’ da USC, Fernando Cobo, presentará o seu relatorio ‘Dez mil ríos vs. Dez mil problemas. Cambio climático e masas de auga’. A xornada de mañá péchase coa participación do profesor da Universidade Politécnica de Madrid Carlos Hernández, quen falará sobre os retos da enxeñería de rega e a soberanía alimentaria. Para a tarde do día 13 está programada unha ruta en catamarán no encoro de Belesar, á volta da cal se proxectarán dous documentais centrados nas lóxicas de utilización da auga: A cana de medir a auga, de Fabienne Wateau, e Ur, de Heli Suárez e Mario Angulo. Actividades do día 14 A sesión do día 14 ten como lema ‘Acceso equitativo aos servizos básicos’, e comeza cunha sesión de comunicacións por parte dos participantes. A partir das 11.00 horas desenvolverase unha mesa redonda sobre xestión da auga na que participan o enxeñeiro do Concello de Lugo Miguel Negral; o profesor da Universitat de València e director da Fundación Nueva Cultura del Auga, Francesc La Roca; e representantes de organismos de conca e asociacións, que achegarán a súa visión sobre a Lei de Augas de Galicia. O simposio complétase cunha sesión de tarde con dous relatorios sobre prácticas medioambientais no uso da auga e exemplos europeos de normas medioambientais complementarias á certificación en agricultura ecolóxica, respectivamente. Finalmente, os asistentes ao curso desprazaranse á nova Estación de Tratamento da Auga Potable de Lugo para coñecer de primeira man as novas tecnoloxías empregadas no tratamento da auga. Ademais da USC, participan na organización destas xornadas a Sociedade Galega de Agrecoloxía (SOGA), a Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE), a Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), o Centro de Estudios Rurales y de Agricultura Internacional (CERAI) e a Fundación Nueva Cultura del Auga (FNCA), así como o Concello e a Deputación de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2012.