Ir o contido principal

Comeza en Lugo o VII Encontro Universitario de Danza

Haberá actuacións polas tardes no Museo Provincial e o xoves pola mañá na rúa da Raíña

O VII Encontro Universitario de Danza, dirixido e coordinado por Juan Carlos Zahera, arrinca este mércores 22 en Lugo coa presenza do grupo do Instituto Tecnolóxico da Universidade de Monterrey de México; Traspédiante, da USC; e do grupo de Danza Contemporánea de Granada. As tres compañías actuarán ás 20:30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial de Lugo.
O grupo Traspédiante da USC presentará, baixo a dirección artística de Marta Alonso e Begoña Cuquejo, o espectáculo ‘Meigas’ con música ao vivo, mentres que os mexicanos de Monterrey levarán a escena ‘Preso’, na que dez persoas viven atrapadas no círculo vicioso das presións e esixencias da vida, un mundo onde o reto é sobrevivir no canto de vivir.
Pola súa banda, a compañía granadina pretende con ‘Danza di-fusa’ homenaxear a música desde a danza, non só como elemento digno de ser expresado senón tamén como factor vital que acompaña momentos existenciais susceptibles de seren evocados polo baile.
O xovesTamén actuarán o xoves 23, a partir das 20:30 horas, o Espazo de Danza Universitario da USC, e as universidades de Estremadura e A Coruña e, por vez primeira nesta edición, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.
As coreografías desta sétima edición abordan temáticas e propostas artísticas moi distintas. Así, o Espazo de Danza Universitario que dirixe o director do encontro leva ao escenario ‘O movemento dos soños’, unha visión coreografiada do legado do ex reitor da USC Alejandro Rodríguez Cadarso na conmemoración no 75 aniversario do seu pasamento.
Os estremeños dirixidos por Pablo Molero presentan ‘Water Dolls’, unha historia de sereas, cruzamento de xéneros sen identidade fixa, que inducen aos humanos a pecar, vítimas das súas propias debilidades. Tamén dos entresixos propios da existencia trata a coreografía da Aula de Danza da Universidade da Coruña, ‘Ver fondo do envase’, que fala da supervivencia, un acto case obrigado no día a día, e de como podemos atoparnos a nós mesmos se o único ensino que recibimos é o de recubrirse de capas grosas para resistir esta realidade esaxerada.
Como actividade complementaria, o xoves ás 13:00 horas, os distintos grupos ofrecerán un estrato das súas coreografías na rúa da Raíña. As tres actuacións están abertas a todo o público e son gratuítas.
O Encontro Universitario de Danza Contemporánea está incluído no Convenio Lugo Cultural no que están integrados a USC, o Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2009.