Ir o contido principal

Comeza en Noia o curso de verán 'A mediación como mecanismo de solución de conflitos: a convivencia social'

CURSOS DE VERÁN DA USC 2008

'A mediación como mecanismo de solución de conflitos: a convivencia social' é o título do curso de verán que se desenvolverá no Auditorio de Noia a partir deste mércores, 17 de setembro. A inauguración terá lugar ás 10:00 horas coa presenza do vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o ex ministro de Xustiza e catedrático de Dereito Constitucional de Las Palmas de Gran Canaria, Juan Fernando López Aguilar; o alcalde de Noia, Rafael García; e a profesora Raquel Castillejo que, xunto con Milagros Otero, dirixe o curso.
Nas diversas sesións facilitaranse mecanismos alternativos ao proceso xudicial para resolver problemas, para o que se divulgará a mediación entre familias, matrimonios, parellas, educadores, alumnos, pais e nais, empresarios, sindicatos e veciños de calquera comunidade.
Logo da apertura, o catedrático de Psicoloxía Social da USC Gonzalo Serrano pronunciará a conferencia ‘Socioloxía e psicoloxía do conflito’, para continuar coa intervención da mediadora Cristina Alonso sobre os métodos alternativos de solución de conflitos.
O experto en negociación Francisco Xavier Montes será o primeiro en intervir pola tarde, ás 16:00 horas, co relatorio ‘Comunicación e resolución do conflito’. Unha hora máis tarde Milagros Otero falará da mediación, a quen lle seguirá o profesor Fernando Vázquez Portomeñe coa charla ‘A xustiza restaurativa. A mediación no sistema penal español’.
Vindeiras xornadasA mediación en menores e no ámbito familiar, a violencia de xénero, os contextos de multiculturalidade, a mellor solución aos conflitos laborais, a convivencia escolar ou a mediación comunitaria serán as cuestións a tratar nas vindeiras sesións do curso de verán que rematará o venres 19.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2008.