Ir o contido principal

Comeza o proceso de elaboración do Plano Estratéxico da USC

Á xuntanza asistiron responsables de escolas e facultades e os directores de Departamento, centros e institutos de investigación
Á xuntanza asistiron responsables de escolas e facultades e os directores de Departamento, centros e institutos de investigación
O documento inicial, elaborado polo equipo de goberno, inicia unha quenda de presentacións aos distintos colectivos universitarios

Un encontro do equipo de goberno da USC encabezado polo reitor Senén Barro con responsables de escolas e facultades e cos directores de Departamento, centros e institutos de investigación abriu este mércores no Centro de Estudos Avanzados a quenda de presentacións do documento inicial do Plano Estratéxico da USC, comezando así a segunda fase da súa elaboración.
Este Plan, segundo expuxo Barro, é un instrumento útil para guiar accións e sumar esforzos que permitan “definir o modelo de universidade que queremos e xa que logo tamén o sistema de financiamento que debe ter a USC”, sen esquecer, engadiu o reitor, a súa utilidade para o diálogo e a interlocución coas outras institucións. Na súa elaboración, están chamados a participar os distintos colectivos da USC porque “é un plan de todos e para todos”, aunando esforzos de cada responsable académico e de cada sector que integra a institucións, “e tendo a transparencia como guía para que toda a sociedade o recoñeza e o acepte”.
Segundo o proceso aprobado polo Consello de Goberno para a elaboración deste documento, o proxecto inicialmente elaborado polo equipo de goberno deberá agora someterse ao debate e concreción por parte dos distintos colectivos que integran a comunidade universitaria.
Deste xeito o próximo encontro será cos responsables dos equipos de xestión do Persoal de Administración e Servizos (PAS) para continuar coa presentación aos representantes sindicais do PAS e do Persoal Docente e Investigador, e aos representantes de estudantes en Claustro e Consello de Goberno.
O proceso completo de planificación estratéxica da USC contempla a elaboración e a aprobación do Plan Estratéxico Horizonte 2015 ao longo do presente ano 2009, atendendo a catro etapas diferenciadas. O documento inicial representa o primeiro paso e é o resultado dun debate de ideas “profundo, rico e plural” que busca definir a estratexia institucional da USC para os próximo seis anos. O equipo de goberno foi o encargado da súa elaboración a través dun primeiro diagnóstico da situación da USC e da identificación das propostas estratéxicas estruturadas por ámbitos, eixos e liñas de actuación.
A xuntanza celebrada no CEA este mércores correspóndese coa segunda etapa, de debate e concreción do contido, e ten como misión traballar con cada colectivo a visión global e integrada de todos os ámbitos e liñas futuras de actuación da USC. O proceso realizarase en sesións de traballo integradas por colectivos específicos da comunidade universitaria.
Finalizada esta fase de debate, os relatores de cada ámbito de actuación do Plan e os coordinadores de cada grupo realizarán unha posta en común das conclusións conseguidas que se integrarán nun documento único como proposta provisional de Plan Estratéxico.
A seguinte etapa será a de exposición pública, no ámbito propiamente universitario a través da Intranet da Universidade e aberta aos comentarios e suxestións dos universitarios, e simultaneamente por medio da presentación aos axentes externos á Universidade, con especial atención aos axentes de tipo social, cultural, profesional, económico e territorial, nun proceso liderado polo Consello Social. Finalizado o proceso, a Vicerreitoría de Calidade e Planificación realizará unha proposta de integración das achegas recibidas nun documento único que se presentará ao Consello de Goberno. O proceso pecharase coa aprobación do Plan, correspondéndolle esta responsabilidade ao Claustro Universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2009.