Comeza a programación da Universidade de Verán 2013
A Universidade de Verán abrirá a súa programación correspondente a 2013 con tres cursos: ‘ Química, a ciencia que envolve a nosas vidas’, ‘LaTeX: documentos académicos e presentacións’ e o Curso de Educación a Voz.
No primeiro caso, do 3 ao 6 de xuño baixo a dirección de Carmen García Jares e Pilar Bermejo, este ano ofértase a segunda edición dun curso que dá a coñecer aspectos da Química máis recente, os seus avances e conexións con outras ciencias, coa intención de demostrar que a maioría das actividades e comodidades da vida actual se sustentan ou teñen un alto compoñente químico. Como explica Carmen García, o curso quere demostrar como a Química é “unha ciencia que ten contribuído grandemente ao progreso da humanidade e que ten por diante o reto de seguir facéndoo con criterios de sustentabilidade”. O acto inaugural deste programa estival presidirao o reitor Juan Casares o luns 3 a partir das 9.00 horas na Aula Magna Antonio Casares da Facultade de Química, acompañado polo decano do centro Ramón J. Estévez e polas coordinadoras do curso. Na quenda de intervencións que conforman o programa participarán especialistas cunha ampla traxectoria docente e profesional en diversos campos de traballo relacionados coa Química. Exporán aplicacións de máxima actualidade da Química nos campos da saúde, a alimentación, na investigación forense e criminalística, no medio ambiente e incluso no propio contorno doméstico, entre outros. No desenvolvemento do curso, utilizarase un enfoque divulgativo asequible tanto a estudantes de Química e ciencias afíns, como a profesores en ensino medio e a público interesado en xeral. É especialmente axeitado para alumnado de grao e licenciatura de Química, Física, Farmacia, Bioloxía, enxeñarías ou de Medicina así como para profesorado de Bacharelato e Formación Profesional. Deste xeito, se inclúen dúas mesas redondas sobre avances no uso de novos materiais e na química dos alimentos, respectivamente e outra sobre riscos asociados á contaminación química do contorno, así como diversos relatorios que porán a atención sobre cuestións como a análise de drogas, estrutura química e propiedades extraordinarias da auga, envases activos e intelixentes ou factores de calidade do mel. Ademais, está previsto un obradoiro sobre os logros e retos da Química nas primeiras décadas do século XXI e dúas visitas didácticas, á refinería de Repsol na Coruña e á sede da asociación de apicultores de Galicia para coñecer o proceso completo de elaboración do mel. LaTeX No curso ‘LaTeX: documentos académicos e presentacións’ ás persoas matriculadas realizarán prácticas para a elaboración de documentos de calidade tipográfica profesional, como artigos, libros ou traballos académicos, transcribindo textos de diferentes ramas de coñecemento conforme ás posibilidades de representación de símbolos nas distintas áreas de coñecemento. Esta nova edición do curso incluído na programación de verán da USC, incide ademais no manexo de gráficos para a composición de materiais diversos empregando unha ferramenta estable e multiplataforma que xera documentos con calidade tipográfica profesional e totalmente gratuíta, como é LaTeX. As sesión, que comezarán ás 9.30 horas, celebraranse entre os días 3 e 7 de xuño na Aula Magna, no Salón de Graos e nas Aulas de Informática da Facultade de Matemáticas baixo a dirección de Rosana Rodríguez e cun límite máximo de 60 prazas. Educación da voz A Universidade de Verán inclúe na súa programación de 2013 un curso teórico e práctico que aborda a voz dende unha perspectiva global e cuxa inauguración se celebrará ás 18.00 horas no Paraninfo da Universidade. En cada sesión, a modo de introdución teórica, exporanse diferentes temas que van dende a anatomía ata a voz profesional, pasando por aspectos técnicos e de hixiene vocal. A continuación, pasarase a parte práctica que ocupará a maior parte da sesión, onde se traballará de forma dinámica e amena a técnica vocal, dende o punto de vista corporal, vocal propiamente dito e terapéutico. O curso celebrarase do día 3 ao 6, do 10 ao 13 e os días 17 e 18 de xuño no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia baixo a dirección de Pablo García, profesor de técnica vocal, rehabilitador e formador en foniatría e educación da voz que se encargará de impartir as distintas xornadas. As sesións celebrarase en horario de 18.00 a 21.00 horas. Literatura científica A Facultade de Veterinaria e a Biblioteca Intercentros do campus de Lugo acollerán desde o vindeiro luns ata o 7 de xuño o curso ‘Literatura científica: da redacción á publicación’, un programa formativo dirixido a estudantes de máster e doutoramento, a través do que se pretende dar a coñecer os sistema de publicación científica aos futuros investigadores para facilitar o proceso de publicación e o conseguinte aumento do número de artigos aceptados. A necesidade da publicación do coñecemento científico, as etapas e a ética do proceso, así como a estrutura dos artigos e os erros típicos que causan a non aceptación destes traballos, centrarán o luns 3 de xuño, a partir das 10.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, a temática dos relatorios do propio Manuel Vázquez na apertura deste seminario estival, unha xornada que rematará cun taller de busca de información na WOK, dirixido por César Gómez.