Ir o contido principal

Comeza en Santiago o 'XI Encontro Peptídico Ibérico'

As xornadas celebraranse este xoves 6 e venres 7 na Facultade de Química da USC

Explicando as ferramentas químicas para o estudo de sistemas biolóxicos complexos, a coñecida experta do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Barbara Imperiali, abrirá este xoves 6, ás 9:10 horas, o ‘XI Encontro Peptídico Ibérico’. O congreso terá lugar na Facultade de Química da USC ata o venres, día 7.
Logo deste relatorio, a sesión académica dedicarase á presentación de vinte comunicacións orais nas que investigadores de todo o mundo darán a coñecer as últimas achegas no eido dos péptidos.
Xa o venres, outro prestixioso científico do Instituto Max Planck de Dortmund en Alemaña, o profesor Herbert Waldmann, falará ás 9:10 horas sobre química biolóxica. Durante o resto da xornada exporanse outras vinte comunicacións sobre péptidos.
O encontro, ao que asisten máis de 130 persoas, organízao o catedrático da Universidade de Santiago, José Luis Mascareñas, xunto co investigador do Departamento de Química Orgánica da USC, Eugenio Vázquez e está patrocinado polo Ministerio de Educación e Ciencia, a Sociedade Europea de Péptidos e a Rede de Ciencias e Materiais Moleculares da Xunta de Galicia.
PéptidosOs péptidos son compoñentes fundamentais das proteínas, máquinas moleculares que exercen un papel clave no funcionamento das células e, polo tanto, do organismo. As investigacións neste eido, que implican traballos en diferentes disciplinas dende a Química ata a Bioloxía Molecular e Medicina, poden ter unha enorme repercusión para o entendemento de enfermidades como o Alzheimer, Párkinson ou cancro, así como para o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2008.