Ir o contido principal

Comeza a Semana do Cerebro na USC con actividades explicativas para os máis novos

Con motivo da Semana do Cerebro, alumnos de segundo curso do Máster de Neurociencias desenvolven dende este luns, día 10, actividades divulgativas para rapaces de entre 3 e 15 anos sobre o funcionamento do cerebro e sistema nervioso. A iniciativa, que remata o venres 14, ten lugar en centros de educación infantil, primaria e secundaria de Vigo, Pontevedra, Ribeira, Ames e Santiago.
Con este proxecto foméntanse actitudes positivas como o respecto polas persoas que pensan de forma distinta ou con problemas mentais. Tamén se apuntan os comportamentos que deterioran a capacidade mental recalcando a importancia de durmir ben, ter horarios estables e non consumir substancias nocivas.
Concretamente, algunhas das actividades consisten en relacionar órganos coas súas funcións e posicións, indicar as diferenzas entre seres vivos e inertes ou sopas de letras dos actos voluntarios e involuntarios no corpo, entre outros pasatempos didácticos.
Distintas actividadesAs tarefas adáptanse á idade do público perseguindo distintos obxectivos. Por iso, os exercicios para os nenos de 3 e 5 anos mostran as partes do corpo diferenciando os sentidos, cerebro e órganos efectores e a relación entre recibir unha sensación, procesala e realizar unha acción.
Para os alumnos de primeiro e segundo de primaria, o proxecto profunda no sistema nervioso. Os de terceiro e cuarto repasan o cerebro, o sistema nervioso central e periférico xunto cos actos voluntarios e reflexos. Os de quinto e sexto analizan o cerebro e as neuronas.
Cos estudantes de primeiro e segundo de Educación Secundaria Obrigatoria falarase do sistema nervioso, neuronas, sinapses, actos reflexos e voluntarios e circuítos nerviosos. Finalmente, os rapaces de quinto e sexto achéganse á Neurociencia, os efectos das drogas e os mitos e crenzas erróneas do sistema nervioso humano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2008.