Ir o contido principal

Comeza o simposio sobre a emigración dos músicos galegos a América entre 1875 e 1951

Comeza o simposio sobre a emigración dos músicos galegos a América entre 1875 e 1951
Comeza o simposio sobre a emigración dos músicos galegos a América entre 1875 e 1951
Inclúe recitais o venres e o sábado no Paraninfo e unha mesa redonda sobre a doazón do Fondo Gaos á USC

A investigación financiada polo MINECO ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1951): Cidades do Eixo Atlántico’ que dirixen os profesores da USC Carlos Villanueva e Javier Garbayo organiza estes días en Santiago un simposio sobre o movemento migratorio dos músicos galegos a América.O encontro ‘O espello de Galicia en América: ideoloxía, emigración e exilio (1875-1951)’ desenvolverase no Museo do Pobo Galego entre os días 9 e 11, e reunirá especialistas de toda España e americanos en torno á época que vai do gran movemento migratorio galego de finais do XIX –que tivo resultados asociativos de gran transcendencia– ata 1951, coa primeira etapa da posguerra.

Concertos
No simposio está prevista a celebración de dous concertos, de entrada libre, no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). O primeiro, titulado ‘Concerto de cancións galegas de aquí e de alá’, será o día 10 ás 20.30 horas a cargo da soprano Susana Lorenzo e do pianista Alejo Amoedo. No recital interpretarase a música de salón da época composta polos galegos Andrés Gaos, José Fernández Vide, José Castro Chené, Reveriano Soutullo, Pascual Veiga e Juan Montes.

O día seguinte á mesma hora terá lugar o concerto de clausura, que baixo o título ‘ Turnos e tandas de baile do século XIX no mundo hispanoamericano’ interpretarán os pianistas Mariantonia Palacios e Juan Francisco Sans. O recital está conformado por música de baile de compositores latinoamericanos e galegos do século XIX. A idea é ilustrar como se seleccionaban as pezas para formar unha secuencia de baile que no século XIX se coñecía como turno, tanda, bailados, rigodón ou lanceros.

Mesa redonda
Outra actividade a destacar no encontro é a mesa redonda, tamén de entrada libre, que o sábado 11 terá lugar sobre o fondo Gaos que acaba de ser doado á Universidade de Santiago e na que participarán as persoas protagonistas desa doazón como son Monserrat Capelán, Mabela Casal, Joam Trillo, Julio Andrade Malde e Javier Garbayo. Será no Museo do Pobo Galego ás 18.00 horas

O espello de Galicia
A consecuencia inmediata do movemento emigratorio da época analizada foi un efecto chamada que atraeu músicos galegos para cubrir tarefas docentes e recreativas que sen dúbida repercutiron no contido, a mensaxe e a lingua de composicións de salón, obras corais, estampas, zarzuelas galegas e cancións en xeral que se trasladarán ao outro lado do Atlántico e que repercutirán a modo de espello na música en Galicia con lembranzas da tradición xunto con elementos transculturados.

Coa fin da Guerra Civil española producirase outra vaga de exiliados, xeralmente republicanos, que deberán enfrontarse a unha realidade nova pero que tamén terá a súa peculiar procura da galeguidade entendida baixo o prisma das novas vangardas; algo que dará pé a importantes discusións entre vangardistas e tradicionalistas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2017.