Ir o contido principal

Comeza un taller en Dereito sobre a Responsabilidade Social Transfronteiriza

A Responsabilidade Social Transfronteiriza é o tema central dun obradoiro que se vai celebrar o vindeiro luns 12 dentro da programación do V Curso de Integración Europea que se desenvolve nesta primeira quincena do mes. O taller do vindeiro luns, coordinado dende o Centro de Estudos e Documentación Europea da USC (CEDE), é o resultado dunha colaboración entre a institución docente compostelá e o Proxecto ACCEPT co financiamento de Fondos Feder.
A xornada celebrarase entre as 16:00 e as 21:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Dereito, a través dunha serie de intervencións que permitirán profundar no coñecemento do marco xeral da Responsabilidade Social Corporativa, ao tempo que se analizará a situación de traballadores transnacionais e transfronteirizos, con especial atención ás perspectivas españolas e portuguesa. O programa completarase cunha sesión práctica.
Este obradoiro completarase coa celebración dun segundo taller, xa a comezos do vindeiro mes de maio, que fará un percorrido pola situación xeral da responsabilidade social en España e Portugal, presentando casos de prácticas empresariais neste senso en ambos os dous países. Esta sesión, prevista para o 3 de maio, celebrarase entre a Facultade de Dereito e a Aula de Informática da Facultade de Ciencias Políticas.
O desenvolvemento destas dúas xornadas, que coordina a profesora de Dereito Mercantil e técnica do CEDE Elena Pérez Carrillo patrocinadas polo Proxecto Accept, permitirá en opinión dos seus promotores unir lazos de cooperación entre os dous países amosando unha visión global aos alumnos mediante a formulación de diversos supostos prácticos.
A celebración destes dous obradoiros deseñouse como punto final á quinta edición do curso Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas inaugurado o pasado luns.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2010.