Ir o contido principal

Comeza na USC o ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’

Comeza na USC o ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’
Comeza na USC o ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’
Este é un ciclo que conmemora o douscentos aniversario do nacemento do pai da Química moderna en Galicia

A USC desenvolverá este curso o Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012), en homenaxe ao douscentos aniversario do nacemento do que fóra pai da Química moderna en Galicia. O reitor Juan Casares, acompañado do decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, e do profesor Manuel Bermejo, ambos os dous integrantes da comisión organizadora do evento, presentaron o programa de actividades a desenvolver ao longo deste curso académico. Na presentación tamén estiveron presentes os/as decanos/as das facultades de Farmacia, Mª Isabel Sandez Macho; Bioloxía, Mª Luz González Caamaño; Química, Ramón Estévez Cabanas; e Matemáticas, María Victoria Otero Espinar; integrantes da comisión organizadora xunto á Facultade de Física, todos eles centros cos que Antonio Casares mantivo algún tivo de vinculación durante a súa etapa universitaria e que concentrarán os principais eventos no marco da conmemoración dos seus respectivos patróns de centro. A homenaxe por parte da USC a Antonio Casares responde a unha dobre motivación, explicou Manuel Bermejo, aducindo que será a homenaxe a “un dos mellores profesores da Universidade compostelá” e porque se dedicou por completo á sociedade”. Como se puxo de manifesto na presentación do ciclo, Antonio Casares foi un científico innovador pioneiro na preparación do cloroformo para a súa utilización como anestésico ou partícipe nos primeiros ensaios coa luz eléctrica realizados en Santiago, entre outros exemplos. “A nosa sociedade precisa de xente como Antonio Casares, auténticos educadores, convencidos de que a investigación é básica para formar”, subliñaron os responsables da iniciativa. O programa de actividades arrancará este mesmo luns 15 ás 19.30 horas coa conferencia do médico especialista en anestesioloxía Vicente Ginesta que falará na Facultade de Medicina da relación de Antonio Casares coa anestesia. As intervencións continuarán a longo de toda a semana, coincidindo coa conmemoración do patrón deste centro, referíndose á vinculación que o homenaxeado mantivo con cuestións como o termalismo, o viño ou a nutrición, da man de Luís Rodríguez, académico de Hidroloxía Médica na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; de José Domingo Posada, secretario da Irmandade dos Viños Galegos; e Gustavo Adolfo Garrido, director da Fundación Carlos Casares. O venres 19 celebrarase un acto académico con motivo do día do patrón de Medicina, San Lucas, no que o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía, o profesor José Carro, pronunciará a conferencia ‘Casares e a autenticación dos restos do Apóstolo’, ao que lle seguirán a inauguración da exposición do Museo de Anestesia e do monumento dedicado ao donante. Dentro desta programación, está prevista unha mostra que no Colexio de Fonseca, do 30 de outubro ao 31 de decembro, conmemorará o Ano Casares co lema ‘Antonio Casares investigador e reitor da modernidade’. Xa o vindeiro mes de novembro, as actividades previstas agruparanse arredor da Semana das Ciencias cunha serie de conferencias e actos académicos en Bioloxía, Química, Matemáticas e Física que revisarán a figura de Antonio Casares dende as súas respectivas disciplinas. No vindeiro mes de decembro será a quenda da Facultade de Farmacia, centro que co gallo da festividade da patroa do centro, a Inmaculada, organizará un acto académico no que ademais da conferencia do profesor Francisco Díaz Fierros, a Academia de Farmacia de Galicia entregará á Facultade unha fotografía dixitalizada do profesor Antonio Casares como primeiro decano deste centro. Xa no mes de febreiro, está programado o simposio ‘Transcendencia académica e social de Antonio Casares’ que, ao longo da xornada do día 22 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, reúne un grupo de voces que realizarán un achegamento multidisciplinar á figura do homenaxeado. A participación neste encontro está recoñecida con un crédito de libre configuración.

Para pechar o ciclo, o día 26 de abril e coincidindo co 125 cabodano do seu pasamento, clausurarase o ciclo coa presentación do libro Ano Casares, unha recompilación das actividades e conferencias realizadas ao longo de todo o ano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2012.