Comeza na USC o congreso ‘50 Anos de Economía en Galicia’
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago acolle este xoves 12 e o venres o Congreso ‘50 Anos de Economía en Galicia’, unha das grandes citas do calendario de actividades conmemorativo dos 50 anos da posta en marcha destes estudos, precisamente na USC. A partires desta cita publicarase un número especial da Revista Galega de Economía.
O encontro contará coa achega de especialistas tanto do ámbito académico como do profesional que debaterán sobre cuestións tan importantes para Galicia como a demografía, a formación ou o emprego. Analizaranse tamén algúns dos sectores de maior relevancia na nosa comunidade, así como os cambios experimentados nas organizacións empresariais ou no sector público e en Europa.
“Dende a Facultade queremos dar a coñecer á sociedade a importancia que para o desenvolvemento da sociedade teñen os nosos estudos, e pensamos que a mellor forma é mostrar, con exposicións de distintas temáticas, cal é a situación actual da economía galega e a súa evolución nos últimos anos”, apunta a decana, Emilia Vázquez Rozas.
O encontro inaugurarase este xoves ás 9:30 horas nun acto que preside o reitor Juan Viaño e no que tamén participan a decana do centro e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.
Na primeira xornada, as mesas abordarán distintas temáticas como a nova organización empresarial, as mudanzas sobre a poboación e as condicións de vida, a formación universitaria, os cambios no sector industrial, as dinámicas no sector pesqueiro, os principais indicadores económicos de Galicia e os recursos enerxéticos e mineiros.
Xa o venres 13, o congreso tratará o mercado de traballo, os sectores agrario e forestal, o turismo como fonte de riqueza, os servizos financeiros e os cambios na banca, o gasto público e a situación de Galicia en España e na UE.