Ir o contido principal

Comeza este venres o monográfico de 'Músicas para a escola' que se desenvolverá en catro xornadas

O curso, que será impartido por Carlos Suárez e François Delalande, conta co concerto 'Metáforas do tempo' dentro da súa programación

A Vicerreitoría de Cultura da USC inicia este venres 16 a primeira parte do curso monográfico ‘Músicas para a escola: músicas contemporáneas e pedagoxía de creación musical’, que se desenvolverá en catro xornadas, baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas. Este monográfico está destinado a mestres en activo, profesores de música en xeral e estudantes universitarios, especialmente para estudos de Educación.
A primeira parte do curso, os días 16 e 17, estará a cargo de Carlos Suárez, mestre compositor polo Conservatorio Superior de Música Simón Bolívar de Caracas, e etnomusicólogo polo Instituto Universitario de Estudos Musicais da capital venezolana.
Ao longo destas dúas primeiras sesións, exporanse as técnicas de composición utilizadas por este artista sonoro. Dentro da parte práctica do programa, Suárez ofrecerá o concerto ‘Metáforas do tempo’ que terá lugar no Círculo das Artes ás 20:00 horas, no que o relator utilizará paisaxes sonoras en perigo de extinción gravados en Venezuela e Galicia desde 1992, que servirán como base sonora á execución de varios instrumentos musicais étnicos e arqueolóxicos da colección do artista.
Os días 23 e 24 de xaneiro as clases correrán a cargo de François Delalande, responsable das investigacións en Ciencias da Música no Grupo de Investigación Musical do Instituto Nacional do Audiovisual de Paris, que achegará a súa visión da relación entre a música e a pedagoxía.
As xornadas terán lugar no salón de actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado. O horario das clases será os venres de 9:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas e os sábados só pola mañá co mesmo horario. O monográfico está incluído dentro do programa cultural do campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2009.