Ir o contido principal

Comeza o xoves en Santiago a quinta edición das Leccións Xacobeas Internacionais

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC 2012

O profesor de Historia da Arte da USC Miguel Taín Guzmán dirixe entre os días 26 a 29 de xullo as ‘ V Leccións Xacobeas Internacionais na USC. Diáspora xacobea’, un curso enmarcado na Universidade de Verán da USC. A inauguración terá lugar ás 9.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) e nela participan o reitor da USC, Juan Casares Long; o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz; o deán da Catedral de Santiago, José María Díaz; e o director do curso. Asisten ademais representantes das entidades colaboradores como as asociacións galegas de Empresas e Profesionais da Conservación e Restauración de Bens Culturais ou a Profesional de Historiadores de Arte. Os relatorios serán impartidos por especialistas de institucións europeas relacionadas co xacobeo. O día 26 dedicarase ao estudo da difusión xacobea, en especial a peregrinación, a catedral e a festa do Apóstolo, mentres que a xornada do 27 tratará sobre os códices e manuscritos composteláns. A diáspora xacobea será a temática da terceira sesión do curso, que rematará o día 29 cunha ruta a pé polo tramo entre Lira e Cabo de Fisterra guiada por socios da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS). Ademais das leccións propiamente académicas, o programa contempla unha serie de actividades de índole cultural como visitas guiadas ao patrimonio xacobeo de Santiago, aos Museos da Catedral, das Peregrinacións e de Santiago e outra coa explicación das restauracións do Coro Lígneo da Catedral de Santiago e os retablos da Capela de Ánimas por parte dos seus autores. Tamén está prevista a proxección de dúas películas relacionadas coa temática do curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2012.