Comezan as accións formativas do proxecto europeo MIGRANET
A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ (EHEC) acollerá do 29 de agosto ao 2 de setembro o curso ‘Os métodos de mostraxe de especies diádromas empregados en Galicia’ iniciando así as accións formativas previstas no marco do proxecto europeo MIGRANET. O curso, que será impartido por persoal vinculado á EHEC, diríxese aos grupos de traballo do proxecto, integrados por persoal de diversas entidades de Galicia, Francia e Portugal. Así mesmo, a Estación de Hidrobioloxía da USC celebrará entre outubro e novembro unha segunda sesión deste curso enfocada ao perfeccionamento de coñecementos na mostraxe de macrozoobentos (invertebrados) e Diatomeas (microalgas). Outra acción formativa prevista polo proxecto será o desenvolvemento, durante o próximo mes de setembro, dun curso en Francia organizado polo Institut National de la Recherche Agronomique (INRA) e outro en Portugal dirixido polo Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR). O proxecto MIGRANET, cofinanciado polo programa Interreg IV B - SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, está liderado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC que dirixe o profesor Fernando Cobo Gradín. O seu obxectivo central é configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do sudoeste europeo.
Ademais das entidades xa mencionadas, tamén participan en MIGRANET a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal, e como asociado o Aquamuseu do río Minho de la Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Para máis información sobre os cursos e os seus contidos, así como sobre as actividades e resultados do proxecto pódese consultar a páxina web http://www.migranet.org.es.