Comezan as actividades formativas de SEPA-Interea cunha xornada monográfica sobre a cooperación intermunicipal en cultura
O grupo de investigación SEPA da USC, a través da iniciativa Interea que organiza coa Deputación da Coruña, inicia este venres 15 as actividades formativas para 2008. Nesta edición, e baixo o lema ‘Tecendo redes culturais’, aléntase o compromiso de creación, apoio, consolidación, expansión e difusión de redes de intercambio e colaboración intermunicipais coa vontade de ampliar horizontes, superar carencias, xerar sinerxías e procurar innovacións.
As accións previstas supoñen a continuación do Plan Formativo da Área de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico Artístico da Deputación, destinado a responsables políticos e técnicos dos concellos coruñeses que se vén desenvolvendo desde 2005 cunha gran acollida.
Para este ano organizáronse tres accións formativas con valor autónomo, pero complementarias na perspectiva integral da colaboración e intercambio no quefacer cultural. Deste xeito, este venres 15 comeza no Pazo coruñés de Mariñán a xornada monográfica ‘Cultura en rede. Cooperación intermunicipal en cultura’. Xa o 22 de febreiro terá lugar en Santa Comba o obradoiro ‘O web como espazo da cultura en rede’ e en Oleiros, no mes de marzo, o seminario ‘Tecendo redes de cidadanía. Prácticas de participación cidadá’. As tres apuntan á capacitación individual e grupal para a acción conxunta, respectando sempre a intención de que a formación, como espazo reflexivo para a acción e na acción, cristalice realmente no quefacer cotiá.
Cultura en redePromover elementos de reflexión sobre o alcance, potencialidades, posibilidades e dificultades das estratexias de cooperación entre entidades locais no ámbito da cultura é o principal obxectivo da xornada monográfica que este venres 15 dará comezo no Pazo de Mariñán.
Para os organizadores, o labor intermunicipal en rede, “grazas ao efecto sinérxico que xera”, fai posible unha expansión do marco de actuación municipal “nunha dimensión en moitos casos impensable e mesmo materialmente imposible para algunhas das nosas entidades locais”, de aí a organización desta xornada.
“Son tantas as bondades dos conceptos –afirman- como laborioso o camiño que comporta o seu logro”, no que “é preciso” superar dificultades de diversa índole, “fundamentalmente as derivadas do proceso administrativo e o logro de consensos na definición das propostas”. Neste senso, o encontro pretende ofrecer elementos de análise así como instrumentos e procedementos de acción que permitan aos responsables políticos e técnicos dos concellos coruñeses avanzar nas propostas de asociacionismo intermunicipal.
Como relatores participarán o director do Servizo de Planificación Estratéxica do Departamento de Cultura da Generalitat de Catalunya, Santiago Martínez i Illa; a xerente da mancomunidade Arousa Norte, Fátima Rodríguez; e membros do equipo CRIC, formado por técnicos de cultura dos concellos de Aranga, Oza dos Ríos e Sada.