Comezan no Campus de Santiago as xornadas de presentación aos novos estudantes
A Universidade de Santiago inicia a vindeira semana no campus de Santiago as súas xornadas de presentación para novos estudantes, logo de térense celebrado no Campus lugués. Promovidas pola Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, nestas sesións membros da USC explicarán aos universitarios de novo ingreso o funcionamento dos servizos da USC, a súa oferta académica, cultural ou deportiva, entre outros asuntos.
As xornadas comezarán o luns 15 ás 10:00 horas na Facultade de Ciencias Políticas para os alumnos deste centro e de Relacións Laborais. Xa ás 12:00 terán lugar na Facultade de Matemáticas. Nas intervencións, os diversos responsables universitarios falarán da Oficina de Información, o Centro de Linguas Modernas, a Rede de Aulas de Informática, o Servizo de Normalización Lingüística ou o Servizo de Xestión Académica. Ademais, os asistentes recibirán información sobre o funcionamento interno da USC comentando o papel do Consello Social e da figura do Valedor Universitario, o sistema de bolsas ou a rede de residencias.
Seguintes xornadasAs presentacións continuarán toda a semana por outros centros composteláns como as Facultades de Química, Dereito e Xeografía e Historia o martes 16 de outubro ás 10:00, 12:00 e 16:30 horas, respectivamente. O mércores 17 será a quenda de Ciencias da Comunicación ás 10:00 horas, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría ás 12:00 horas e da Escola Universitaria de Enfermería ás 16:30 horas.
A Escola Universitaria de Óptica será a que inaugure as xornadas do xoves 18, ás 10:00 horas, para continuar con Filosofía ás 12:00 e Filoloxía pola tarde. Xa o venres 19, a Facultade de Bioloxía acollerá esta xornada ás 10:00 horas e a de Ciencias da Educación do Campus Norte ás 12:00.
Estas xornadas rematarán a seguinte semana, sendo o luns 22 pola mañá na Facultade de Farmacia e pola tarde na de Ciencias Económicas e Empresariais. Por último, serán as Facultades de Medicina, Psicoloxía e Física as que acollan a presentación o martes 23 ás 10:00, 12:00 e 16:30 horas, respectivamente.