Comezan catro novos cursos de verán sobre fraude fiscal, rehabilitación do Camiño, a paisaxe na historia e o patrimonio na Mariña
Este mércores 17 darán comezo catro novos cursos da Universidade de Verán da USC, dous en Santiago, un en Guitiriz e outro en Ribadeo. Un deles, de enorme actualidade, sobre a loita contra a fraude fiscal nun contexto de crise económica; e os restantes relacionados todos eles co patrimonio artístico e natural galego. Leccións Xacobeas O curso 'VI Leccións Xacobeas Internacionais da USC. A rehabilitación do Camiño de Santiago' inaugurarase ás 9.00 horas no Paraninfo da Universidade. A sexta edición deste encontro que dirixe o profesor Miguel Taín versará sobre a rehabilitación do patrimonio cultural vinculado ao Camiño de Santiago con relatorios dedicados ao seu estado de conservación, a cidade de Compostela, a Catedral e a restauración do patrimonio galego. A primeira xornada dedicarase á celebración da fundación da primeira Igrexa de Santiago e da universalidade xacobea, para continuar o 18 coas pegadas da peregrinación e rematar cunha terceira sesión sobre a recuperación e rehabilitación da catedral, da cidade e dos camiños de peregrinación. Intervirán especialistas das Universidades de Santiago, Sevilla, Tor Vergata di Roma e Università degli Studi di Palermo, ademais do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, da Catedral de Santiago, do Consorcio, da Asociación de Empresas e Profesionais da Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Fraude fiscal Xa ás 9.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito inaugurarase o curso ‘A loita contra a fraude fiscal nun contexto de crise económica: últimas propostas españolas e europeas’, dirixido por Amelia González Méndez e Juan José Nieto. Será nun acto presidido polo vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa, e no que intervirá o director da Axencia Tributaria Galega, Ulpiano Villanueva Rodríguez . No curso analizarase a incidencia da actual crise económica na adopción de actuacións de prevención e loita contra a fraude fiscal para a contención do déficit público e prestará atención á viabilidade e eficacia das normas aprobadas para loitar contra prácticas fraudulentas a partir da análise da realidade e das medidas adoptadas no eido da Unión Europea. Entre quen impartirán as distintas sesión atópanse especialistas universitarios, profesionais da avogacía e representantes de diversos partidos políticos, da Generalitat de Catalunya, do Consello Consultivo de Galicia ou da Xunta de Galicia. De especial interese será o relatorio, o xoves 18 ás 10.00 horas, do presidente de GESTHA (Sindicato dos Técnicos do Ministerio de Facenda), Carlos Cruzado Catalán. Este colectivo fixo moitas propostas alternativas ás políticas fiscais gobernamentais e ten denunciado reiteradas veces a existencia de grandes bolsas de fraude en España e suxerido alternativas de loita contra esa situación. A paisaxe na historia O curso ‘A paisaxe na historia’ inaugúrase ás 9.30 horas na Casa Habanera de Guitiriz nun acto presidido polo vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil Rego. O catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Antonio Martínez Cortizas, abrirá a quenda de relatorios cunha achega á historia ecolóxica da paisaxe. A arqueoloxía rural, os xardíns pacegos, a paisaxe e a sociedade na Galicia antiga e altomedieval, a xestión do monte ou evolución dos usos do solo serán outros dos asuntos abordados ao longo deste curso de verán da USC, un programa dirixido polo profesor Roxelio Pérez Moreira que se prolongará ata o venres e cuxo relatorio de clausura ‘As novas paisaxes: as pegadas do progreso’, correrá a cargo do catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Francisco Díaz-Fierros. Arte na Mariña O curso ‘Arte e patrimonio na Mariña lucense: os camiños e o camiño da arte’, dirixido por Ana Goy Diz e Antonio Garrido Moreno inaugurarao ás 9.30 horas no ribadense Cine Teatro o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón. Será un foro de análise sobre o patrimonio cultural da comarca mariñá, tanto daqueles elementos relacionados co Camiño Norte como do resto de elementos patrimoniais presentes. Un relatorio sobre o taller de Diego Ibáñez Pacheco e a súa influencia na Mariña luguesa, a cargo da profesora da USC e directora do curso, Ana Goy Diz, abrirá o mércores, ás 10.00 horas, a quenda de charlas programas ao abeiro deste seminario estival, que contará coa participación de 15 relatores e inclúe un roteiro por un treito do Camiño Norte.