Ir o contido principal

Comezan en Ciencias da Educación as IV Xornadas de Innovación Educativa no Mundo Rural

As IV Xornadas de Innovación Educativa no Mundo Rural comezarán o próximo xoves 2 na Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida onde se celebrarán ata o venres 3. É un encontro que profundará no coñecemento e a difusión de boas prácticas desenvolvidas en contextos rurais, promovendo a reflexión sobre as dinámicas socioambientais, culturais, educativas e económicas que lles afectan. Como explican os seus promotores, as relacións sociais de proximidade sostidas nun territorio ao longo do tempo, posibilitan o xermolo de experiencias que, á súa vez, poden constituírse en modelos de desenvolvemento comunitario local, aspectos que se pretenden estudar nestas xornadas. As xornadas comezarán ás 9.30 horas coa benvida e presentación que realizará o equipo decanal. Deseguido, ás 10.00 horas, a profesora de Antropoloxía Social Mª Nieves Herrero ofrecerá a conferencia inaugural titulada ‘O patrimonio inmaterial como instrumento para a dinamización socio-cultural’. Completando a sesión matinal celebrarase unha mesa de experiencia baixo o lema ‘ Innovación, emprendemento e cultura no rural galego’. No marco deste encontro, o mesmo xoves ás 17.15 horas presentarase no Museo do Pobo Galego o vídeo O liño: arte e cultura, unha iniciativa promovida pola Asociación de Veciños e Veciñas de Cabreiros (Xermade). Na presentación intervirán membros do equipo de produción e dirección do vídeo, veciños/as participantes, representantes do grupo Muxarega das Pontes e os profesores Clodio González e Xulio Rodríguez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2013.