Ir o contido principal

Comezan as escavacións arqueolóxicas na Roda de Adai

Fotografía da sondaxe realizada no Castrillón de Adai
Fotografía da sondaxe realizada no Castrillón de Adai
Un equipo da USC coordinado pola investigadora de EcoPast e CISPAC, Pilar Prieto, inicia as prospeccións do xacemento lucense para identificar as súas fases de construción, uso e abandono
Lugo, Santiago de Compostela

A USC principia na parroquia de Adai, moi próxima á cidade de Lugo, os traballos de escavación do Castrillón, un xacemento descuberto no século pasado e de gran valor patrimonial, que agora pode ser explorado grazas á autorización da veciñanza a través da Comunidade de Montes. 

A investigadora Pilar Prieto, membro do Grupo EcoPast e do Centro Interdisciplinar das Paisaxes Atlánticas (CISPAC), dirixe esta intervención arqueolóxica que conta coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos e con financiamento dos grupos de investigación EcoPast e Síncrisis da USC, e que pon o foco na exploración do círculo lítico ou ‘roda’ existente no lugar. O obxectivo deste primeiro ano de traballos é identificar as fases de construción, uso e abandono deste recinto duns 53 metros de diámetro que conserva en superficie un parapeto e un foxo e alcanza unha superficie de 2100 m2. As primeiras xornadas da intervención permitiron descubrir o muro do parapeto feito en grandes pezas de granito, algúns fragmentos de cerámica prehistórica e un par de moas fixas ou pedras dormentes de muíño.

É o oitavo xacemento desta modalidade que se escava en Galicia, e que amosa unha nova tipoloxía cuxa interpretación non está completamente definida e permanece aberta á investigación. O equipo arqueolóxico apunta que poderían ser recintos cerimoniais, mesmo para enterramentos, seguindo costumes ancestrais procedentes de Centro Europa, o que permitiría completar baleiros existentes neste ámbito de investigación. 

“Pensamos que será un xacemento de longa duración, seguindo a liña dos xa datados como a Roda de Barreiros, Ventosiños de Coeses, tamén no concello de Lugo, ou Os Castrullos, en Parada de Sil”, indica a investigadora Pilar Prieto. “Coñecer mellor estes xacementos implica profundar no mundo funerario das comunidades que viviron en Galicia nun período pouco coñecido polo momento, que vai desde o 1600 ata o século II a. C., entre a Idade do Bronce e a do Ferro”, apunta a profesora da USC.

O marcado valor patrimonial do lugar constátase tamén nos petróglifos que contén e, especialmente, na existencia dunha cabana alongada prehistórica escavada en granito, única en Europa que, segundo o equipo investigador, podería ter relación coa roda que agora están a explorar. Destacan que o Castrillón de Adai é un fenómeno local que evidencia contactos culturais a longa distancia pero mantén a súa singularidade pois, a pesar de semellanzas formolóxicas con outros círculos líticos ou Henges das illas británicas, as rodas presentan características autóctonas que as fan únicas. 

Visita guiada

Para dar a coñecer os pormenores e a relevancia da investigación, o equipo responsable organiza unha visita guiada á escavación o 7 de setembro, que sairá do Dolmen de Adai  ás 17.00 horas. A actividade está dirixida por EcoPast, EducoPast e o CISPAC, e conta co confinacimento de EcoPast e Síncrisis e a colaboración de Tempos Arqueólogos. Para participar non é preciso inscribirse previamente, pero as persoas que o desexen poden solicitar maior información sobre a expedición ao enderezo electrónico pilar.prieto [at] usc.es (pilar[dot]prieto[at]usc[dot]es)
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2023.