Ir o contido principal

Comezan en Lugo as actividades de difusión de boas prácticas para reducir a pegada ecolóxica

nova
nova
O luns 27 de abril inícianse na Biblioteca Intercentros as actividades organizadas polos bolseiros SPIU

Os bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria van pór en marcha unha serie de actividades dirixidas a toda a comunidade universitaria centradas na difusión de boas prácticas para un uso eficiente dos recursos, o que repercute nunha redución da pegada ecolóxica (indicador que representa os custes ecolóxicos dun determinado modo de vida).
Para iso deseñáronse diferentes actividades que comezan o luns 27 na Biblioteca Intercentros de Lugo, onde ás 13:00 horas colocarase unha mesa informativa sobre a necesidade dun consumo responsable de papel e lerase un manifesto no que se solicitará a colaboración da comunidade universitaria neste senso. Durante o resto da semana os bolseiros estarán informando aos usuarios da biblioteca das diferentes opcións existentes en canto ao consumo de papel.
Estas accións enmárcanse dentro dun programa de educación ambiental promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, en colaboración coa Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega. O programa iniciouse en outubro do ano pasado coa instalación en diferentes centros universitarios de Santiago e Lugo dunha exposición sobre pegada ecolóxica e coa organización de varios seminarios formativos centrados nos principais factores que inflúen nela.
Campus de SantiagoEn Santiago as actividades iniciaranse o mércores 29 cunhas mesas informativas sobre mobilidade sostible que iniciarán a súa andaina na Facultade de Ciencias Económicas para instalarse máis tarde, a primeiros de maio, tamén na Facultade de Filosofía e na Biblioteca Concepción Arenal. O programa completarase cunhas xornadas sobre consumo responsable e ecolóxico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2009.