Comezan as oitavas xornadas de formación Educación, Xénero e Igualdade sobre as ‘Formas múltiples de violencia contra as mulleres’
O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos do Xénero da USC (CIFEX) organiza unhas xornadas coas que promover entre as persoas novas, particularmente nos homes pero tamén entre as mulleres, un cambio de actitudes favorables cara un modelo de convivencia igualitaria e dunhas relacións interxénero equitativas e democráticas. A finalidade específica é que os/as futuros/as profesionais da formación e educación humana incorporen estas consideracións respecto do xénero na súa bagaxe científica, académica e práctica. As oitavas xornadas de formación Educación, Xénero e Igualdade celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) os días 11 e 12 de abril. O seu lema ‘Formas múltiples de violencia contra as mulleres’ reflicte a súa intención de abordar de xeito multidisciplinario as “múltiples formas de violencia, abuso e explotación ás que poden estar sometidas as mulleres”, explica a directora das xornadas, a profesora Rita Radl. O programa deseñada permitirá ofrecer unha preparación específica e científica en relación ás múltiples formas de violencia contra as mulleres como cuestión central das relacións de xénero, con especial atención aos futuros/as profesionais da educación, formación e socialización humana. Programa O acto inaugural comezará ás 9.30 horas presidido pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, estando prevista ademais a presenza da secretaría xeral de Igualdade, Susana López; a concelleira delegada de Xuventude e Normalización, Rebeca Domínguez Iglesias; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás, e a directora do CIFEX, Rita Radl. Deseguido abrirase un coloquio sobre novas formas de violencia, acoso e explotación das mulleres nos ámbitos institucionais que terá continuidade na sesión da tarde nun segundo coloquio titulado ‘Violencia no contexto do traballo e reforma laboral. As consecuencias para as mulleres’. Este primeiro día rematará co obradoiro ‘Situacións de especial violencia laboral: O empobrecemento extremo no contexto do traballo textil internacional’.